O Alcalde incrementa a 24.000 € as axudas ás familias para a adquisición de libros e material escolar, dando así resposta ó aumento de solicitudes presentadas

Monforte de Lemos, 19 de agosto de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ben de asinar o decreto mediante o cal se resolven as axudas destinadas ás familias de Monforte para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2021/2022.

“En concreto”, salienta o Alcalde “para este fin destinaramos, a finais do mes de xuño, unha partida inicial de 20.000 euros que foi ampliada dende o Equipo de Goberno do Concello ata os 24.000 euros para contribuír a axudar ás familias monfortinas ante os efectos derivados da crise do Coronavirus”. Finalmente, logo da ampliación de crédito ordenada polo Alcalde, as axudas concedidas alcanzan os 23.985 euros.

Deste xeito, o Alcalde monfortino mantén o seu compromiso co investimento en política social, sendo así sensible ás necesidades das familias, que en moitos casos, vense agravadas pola crise da Covid-19. Este compromiso tradúcese na ampliación de crédito ata os 24.000 euros para estas axudas, co fin de atender a todas as solicitudes presentadas, que aumentaron respecto do ano pasado, e non deixar atrás a ningunha familia que o necesite.

As axudas teñen como finalidade apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presenta dificultades económicas para afrontar os gastos que supoñen a adquisición de material escolar e libros, ante o inicio do curso escolar o vindeiro mes de setembro, dificultades que, en moitos casos, vense agravadas pola incidencia da crise do Covid-19 na que seguimos inmersos.

Estas axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario están destinadas ó alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2021/2022 en educación infantil (3-6 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.

Dende a apertura do prazo de solicitude a principios do mes de xuño, as solicitudes presentadas foron 218 das que se concederon finalmente 169 axudas.

Os vales axuda serán entregados a partir do 1 de setembro na Oficina de Servizos Sociais do Concello, e a data de caducidade dos vales será ata o 9 de outubro de 2021.

Unha vez recollidos os vales, as familias poderán presentar os mesmos para adquisición do material en calquera librería do municipio de Monforte.

O importe destas bolsas vai dende os 75 euros ata os 390 euros, dependendo do número de fillos/as por familia e do curso que estuden.

 

Pódese consultar no seguinte enlace o decreto das axudas condedidas:

  Decreto Concesión axudas adquisición libros texto e material escolar curso 2021-2022