O Alcalde non vai cobrar as terrazas dende o 1 de xaneiro ó 30 de xuño de 2021

Monforte de Lemos, 15 de febreiro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar que “dende o 1 de xaneiro ó 30 de xuño de este ano 2021, é dicir, durante un período de 6 meses, o Concello non vai cobrar as terrazas ós hostaleiros e hostaleiras da nosa cidade”.

Para sacar adiante esta iniciativa, o Equipo de Goberno do Concello levará ó próximo Pleno da Corporación Municipal, que se celebrará o luns 22 de febreiro, unha proposta de modificación da ordenanza fiscal  reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso público por mesas, cadeiras e elementos auxiliares con finalidade lucrativa, co obxectivo de que haxa unha maior seguridade xurídica nesta decisión de axuda á hostalería.

Previamente ó Pleno, esta proposta figura como 4º punto na orde do día da Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas, comisión que se celebrará este mércores 17 de xeito telemático.

“Deste xeito”, subliña o Alcalde, “esta proposta engádese ás diversas medidas tomadas por este Equipo de Goberno ó longo do ano 2020, en apoio ó sector da hostalería ante a crise do Covid-19. Un sector que o está pasando mal, debido ós sucesivos peches que está sufrindo por mor desta pandemia, polo que dende o Concello seguiremos desenvolvendo medidas de apoio”.

Neste senso, o Alcalde tamén salientou que dende o Equipo de Goberno estanse estudando outras posibilidades de axuda a este sector, tan castigado pola crise, que serán definidas unha vez que se coñeza a normativa da Xunta de Galicia sobre as axudas que realizará dos fondos que veñen da Unión Europea así como do Goberno de España.

Posteriormente, o Equipo de Goberno do Concello de Monforte dará a coñecer as axudas directas que destinará á hostalería monfortina, a fin de axudar a este sector nestes momentos de crise.