O Concello de Monforte acolle a exposición “Xela Arias. A poesía do retrato” ata o 2 de agosto

Monforte de Lemos, 9 de xullo de 2021. A exposición “Xela Arias. A poesía do retrato” loce desde este mediodía, e ata o 2 de agosto, no Parque dos Condes de Monforte. A mostra, con fotografías de Xulio Gil e poemas de Xela Arias, consta de vinte paneis nos que as imaxes en branco e negro da autora dialogan con versos da súa obra poética.

No acto de inauguración da mostra, o Concello de Monforte estivo representado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a concelleira de Cultura, Manina Doutón, así como o concelleiro do BNG, Emilio Sánchez. A inauguración correu a cargo da vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e tamén interviron, ademais de Gloria Prada, o fillo de Xela Arias, Darío Gil.

As fotografías retratan a autora sarriá posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil cando tiña entre 26 e 40 anos, tempo que compartiron como parella artística e persoal. Trátase de imaxes tomadas para seren socializadas en revistas, libros ou noutros soportes, que se mostran por primeira vez en formato expositivo por iniciativa da entidade provincial.

Gloria Prada destacou que “para a cidade de Monforte acoller durante estas semanas esta importante exposición fotográfica que hoxe inauguramos é para nos motivo de ledicia  e satisfacción, porque ademais dende o Concello mantemos un compromiso coa cultura firme e decidido”.

Pola súa banda Maite Ferreiro resaltou que “optamos por este formato exterior e itinerante, coa intención de achegar a obra de Xela Arias a todo tipo de público e de manter a atención sobre o seu traballo máis aló do Día das Letras Galegas. Consideramos fundamental que as persoas referentes da lingua e da cultura galega, como Xela Arias, estean presentes de forma constante nas aulas, nos espazos culturais, nos medios de comunicación e tamén a pé de rúa”.

O fillo da poeta e do fotógrafo, Darío Gil, agradeceu a “continuidade” da mostra no “ano de Xela Arias” e mostrouse convencido de que a exposición na rúa “contribuirá a que a xente siga coñecendo a súa obra” e a que “quen non se teña asomado á literatura en galego, poida facelo”.  Alegou ademais a favor da “cultura como ferramenta de transformación social” tal e como, dixo, “se entendía e se transmitira na súa familia”.

O acto contou co acompañamento musical do grupo sarriao Malditos Roedores, que interpretou un repertorio de pezas co galego e os referentes femininos como fío condutor. 

       

 

Formato e itinerancia

As fotografías e poemas preséntanse impresos en paneis metálicos, encadrados en macromarcos de aceiro galvanizado sobre peanas de formigón. Un formato deseñado por Ouvirmos para a instalación da mostra en espazos exteriores e a itinerancia polas distintas comarcas

Monforte é a cuarta parada da exposición, tras o seu paso por Sarria, Lugo e Chantada, desde a súa inauguración o pasado 1 de maio. A itinerancia continuará nos seguintes meses, coa presenza da exposición en Ribadeo e Viveiro.