A Cabalgata de Reis de Monforte partirá da Estación do Ferrocarril coa ilusión de recuperar a normalidade

Monforte de Lemos, 3 de xaneiro de 2022. A Cabalgata de Reis do Concello de Monforte, celebrarase, como é tradición, este mércores 5 de xaneiro, tal e como anunciou en pasados días o Alcalde da cidade, José Tomé Roca, “co ánimo de volver a recuperar a normalidade, e ir desenvolvendo o calendario de actividades previstas para este ano 2022, sempre que sexa posible segundo as circunstancias determinadas pola pandemia”.

Deste xeito, ás 16:50 horas deste mércores 5 de xaneiro está prevista a chegada dos Reis Magos de Oriente á Estación do Ferrocarril de Monforte.

Na estación, serán recibidos polo Alcalde e por membros da Corporación municipal, e coa música da Escola de Gaitas do Concello. Aproveitarán a ocasión para saudar a todos os nenos e nenas que os estean esperando.

Dende alí, a Comitiva Real estará integrada por catro carrozas cos Reis Magos e seus paxes, formados por alumnos de sexto de primaria dos centros de ensino da cidade, o Grupo de Gaitas do Concello e outros grupos musicais e decorativos.

A Comitiva Real partirá arredor das 17:45 horas dende a Praza da Estación, e percorrerá as rúas de Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal e a Avenida de Galicia, finalizando no Campo de Santo Antonio ante a Casa do Concello, onde os Reis Magos serán recibidos polo Alcalde do Concello de Monforte de Lemos e demais autoridades e membros da Corporación municipal.

Sobre as 19:00 horas as Súas Maxestades de Oriente lerán o discurso de Reis dende as escaleiras da entrada principal do Concello, finalizando a súa visita coa recepción ós nenos e ás nenas da cidade no alto das propias escaleiras exteriores do Concello.

Para facilitar o acceso con seguridade dos nenos e que se poidan sacar fotos coas Súas Maxestades, establecerase un circuíto delimitado con vallas de entrada e saída, aproveitando as ramplas laterais existentes a ambos lados da fachada do Concello, sendo á da dereita segundo se mira á fachada a entrada, e a saída pola rampla da esquerda.

Dende o Concello, recórdase a obrigatoriedade de usar mascariña en todo momento, e recoméndase gardar a correspondente distancia de seguridade, segundo recomendan as autoridades sanitarias.