Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra la política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +
26 - Xuño - 2017  |  7:21:38
Aviso Legal  |  Portada
Web en Galego GALEGO    |    Web en Castellano CASTELLANO    |    English Version ENGLISH

A Xunta de Goberno local adxudica as obras para a construción da depuradora do Porto Seco

13/02/2017 - Novas de Monforte

A Xunta de Goberno Local do Concello de Monforte vén de adxudicar a Obras y Viales de Galicia, S.L.  os traballos de construción da depuradora do Porto Seco. A Mesa de Contratación acordou por unanimidade propoñer a esta empresa, polo feito de que se trata da que presentou a oferta económica máis vantaxosa, en concreto por unha cantidade de 217.420 euros. Ademais, a empresa comprométese a realizar os traballos nun prazo de dous meses. O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que “grazas a este novo paso que acabamos de dar, por fin, en moi poucos meses, a plataforma loxística terá en servizo o saneamento que faltaba para que as empresas poidan instalarse nas súas parcelas”.

 

O rexedor engade que “isto demostra que o Concello está facendo os deberes e que esta administración municipal está xogando un papel moi importante na solución do problema, o que sen dúbida demostra o noso compromiso coa posta en marcha da plataforma loxística”.

 

Por outra parte, o mandatario local sinala que “con esta adxudicación dende o Concello poñemos o punto final a un capítulo que durou demasiado tempo. Esperamos que a implantación de empresas se cumpra canto antes. O Concello está desexando poder conceder licenzas a calquera empresa que o solicite e presente a documentación necesaria”.

 

Había outras trece empresas que optaban á construción da depuradora na plataforma loxística: Construcciones Taboada y Ramos, Espina y Delfín, Canalis Soluciones Tecnológicas, Aquanor Aguas del Noroeste, Hordescon, Extraco, Misturas, Asogal Construcciones, Grupo Bascuas 2008, Petrolam Infraestructuras, Construcciones Orega, Oviga e Construcciones Rafer.

 

Esforzo do Concello de Monforte

 

O Alcalde, José Tomé Roca, e a conselleira de Infraestructuras, Ethel Vázquez, asinaron en maio do pasado ano un convenio de colaboración entre as dúas administracións que permitirá resolver o problema de saneamento do Porto Seco.

 

O documento establecía que o Concello e o goberno galego pagarían a medias a obra da estación depuradora de augas residuais da plataforma loxística.Trala sinatura dese convenio, o Concello de Monforte puxo en marcha os trámites oportunos coa Axencia Galega de Infraestruturas, o ADIF e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para poder obter os permisos que permitan a construción da depuradora que precisa o Porto Seco.

 

Seguinte paso

 

O Alcalde explica que “unha vez adoptado este acordo, vaiselle requirir á empresa que presente a documentación necesaria para a formalización do contrato, polo tanto, as obras comezarán cando remate o trámite administrativo”. A previsión é que a obra da depuradora estea rematada ó longo da primavera, previsiblemente, no mes de maio; tal e como xa anunciara o Alcalde con anterioridade.

 

Esta solución de dotar ó Porto Seco dunha depuradora propia prodúcese despois de que o Concello puxera enriba da mesa este problema, que levaba sen resolver dende o ano 2011, cando a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil comunicara por escrito que non autorizaba a conexión do Porto Seco á rede municipal de saneamento.

 

José Tomé Roca sinala que “dende o Concello consideramos que, unha vez resolto o problema do saneamento, non hai escusas para que as empresa que estaban comprometidas se instalen definitivamente na plataforma loxística, unha vez que tramiten as correspondentes licenzas”.



    Libro Lois Pereiro #2015anoLoisPereiro
    Novas Axudas ARI
    Escudo do Concello de Monforte de Lemos

    (c) Concello de Monforte de Lemos
    Campo Santo Antonio S/N
    27400 Monforte de Lemos (Lugo)
    Tlf. 982 40 25 01

    Consultas e Soporte Web:
    webmaster@monfortedelemos.es
    Icono de conformidad con el Nivel Doble-A, 
	de las Directrices de Accesibilidad para el 
	Contenido Web 1.0 del W3C-WAI ¡CSS Válido!Valid XHTML 1.0 Transitional
    Programación e Deseño Web: Ainet Consulting