Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra la política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +
20 - Outubro - 2017  |  5:25:08
Aviso Legal  |  Portada
Web en Galego GALEGO    |    Web en Castellano CASTELLANO    |    English Version ENGLISH

As obras na rúa Duquesa de Alba, Alexandre Bóveda e Eduardo Pondal comezarán o vindeiro luns, 16 de outubro

13/10/2017 - Novas de Monforte

As obras de mellora nas rúas Duquesa de Alba, Alexandre Bóveda e Eduardo Pondal comezarán o vindeiro luns, 16 de outubro. Ese día está previsto que as empresas que se van encargar da realización dos traballos comecen a colocación das vallas. Os axentes da policía local, en coordinación coas empresas, encargaranse de regular o tráfico axeitadamente.

 

O Alcalde, José Tomé, destaca que “coa realización destas obras, e as que se van acometer noutras rúas proximamente, como nas do Conde e a Estrela, imos conseguir unha mellora importante do aspecto da cidade, así como da calidade urbanística”. Ademais, o mandatario local sinala que “o resultado final vai ser positivo de cara ó turismo, xa que imos ser moito máis atractivos para a xente que decida visitarnos”.

 

Cómpre destacar que estas tres rúas carecen de sinalización horizontal, unha situación que mudará unha vez que os traballos estean rematados. Por outra parte, a rúa Alexandre Bóveda terá unha mellora significativa do seu firme, posto que ata o de agora, nunca se asfaltara.

 

Melloras na rúa Duquesa logo de 40 anos

 

O Concello acometerá unha renovación integral das beirarrúas e da calzada na rúa Duquesa de Alba. O Alcalde subliña que “con esta obra damos resposta ás peticións dos veciños desta rúa que, a pesar de ser céntrica, e de que soporta un importante volume de tráfico, hai máis de 40 anos que non se fixo ningunha obra de mellora”.

 

José Tomé explica que “se trata dun vial que está moi desgastado e que foi alterado por diferentes obras”. Por outra parte, os bordillos están desnivelados e o losado das beirarrúas non é uniforme”, sinala o Alcalde, José Tomé.

 

A actuación que a administración municipal vai acometer en Duquesa de Alba eliminará as actuais barreiras arquitectónicas e dotará de continuidade ó tramo peonil, conforme ó código de accesibilidade. “Vaise levantar a soleira das beirarrúas e hanse retirar os bordillos”, explica o mandatario local. Posteriormente, colocarase un novo bordillo e as beirarrúas levarán un novo tipo de plaquetas, similar ó que xa se instalou noutros puntos da cidade.

 

Por outra parte, a calzada terá unha nova capa de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor, “deste xeito, eliminamos as deformacións existentes quedando unha nova rasante regularizada”, apunta José Tomé.

 

Polo que respecta á sinalización na rúa Duquesa, os pasos elevados redutores de velocidade vanse manter, estarán sinalizados con pasos de cebra para reducir a velocidade e mellorar a seguridade dos peóns.

 

Haberá unha liña central divisoria e dúas discontinuas laterais, que definirán os dous carrís de tres metros cada un deles. Cómpre destacar que o estacionamento se manterá en ámbalas dúas marxes da rúa.

 

No entronque coa rúa San Lázaro sinalizarase un novo paso de peóns, polo que nas beirarrúas se fará un rebaixe para permitir a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida.

 

O presuposto de licitación deste proxecto ascende a 126.897’11 euros, “unha cantidade que supón un investimento moi importante”, subliña o rexedor.

 

Alexandre Bóveda e Eduardo Pondal

 

O Concello vai mellorar o firme das rúas Alexandre Bóveda e Eduardo Pondal, ubicadas no barrio da Florida. A actuación vaise acometer nunha lonxitude de case 800 metros e nunha anchura media de 6’60 metros. O Alcalde destaca que “o novo firme será de aglomerado en quente e haberá tamén unha nova sinalización horizontal, algo que ata o de agora non existía. En total imos actuar sobre unha superficie de 5.625 metros cadrados, 5.168 en Eduardo Pondal e 455 no caso de Alexandre Bóveda”.

 

O mandatario local sinalou que con esta obra o barrio da Florida experimentará unha mellora integral: “xa renovamos o firme en Calvo Sotelo, na rúa Real, en Valle Inclán, Arosa, Benito Vicetto, Malvarón e, agora, imos actuar nas dúas que faltaban, Eduardo Pondal e Alexandre Bóveda”. Por outra parte, José Tomé suliñou que “xa son historia as fochancas permanentes que había na Florida a ambos lados da vía de Ferrocarril”.

 

O presuposto deste proxecto ascende a 58.190’45 euros, e será financiado integramente con fondos municipais.



    Libro Lois Pereiro #2015anoLoisPereiro
    Novas Axudas ARI
    Escudo do Concello de Monforte de Lemos

    (c) Concello de Monforte de Lemos
    Campo Santo Antonio S/N
    27400 Monforte de Lemos (Lugo)
    Tlf. 982 40 25 01

    Consultas e Soporte Web:
    webmaster@monfortedelemos.es
    Icono de conformidad con el Nivel Doble-A, 
	de las Directrices de Accesibilidad para el 
	Contenido Web 1.0 del W3C-WAI ¡CSS Válido!Valid XHTML 1.0 Transitional
    Programación e Deseño Web: Ainet Consulting