Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra la política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +
26 - Maio - 2018  |  10:19:20
Aviso Legal  |  Portada
Web en Galego GALEGO    |    Web en Castellano CASTELLANO    |    English Version ENGLISH

O Alcalde demostra, con documentos da CHMS, que a voceira do PP mentiu sobre a limpeza dos ríos de Monforte

17/05/2018 - Novas de Monforte

O Alcalde acompañado da Tenente Alcalde, Gloria Prada, e do concelleiro de Servizos, José Luis Losada

O Alcalde, José Tomé, demostrou, con documentos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que a voceira do PP, Julia Rodríguez, mentiu e manipulou información sobre un proxecto do Organismo de Conca para limpar os ríos de Monforte.

 

O pasado 12 de maio, os medios de comunicación fixéronse eco dunha información do grupo municipal do PP na que se aseguraba que a voceira dos populares xestionara coa CHMS a limpeza dos ríos Cabe, Seco e Arroxo diante da Confederación, unha competencia que, segundo o Partido Popular, era  do Concello de Monforte.

 

A reacción do Alcalde coñeceuse esta tarde: “dona Julia caeu na súa propia trampa, nada do que afirmou a voceira dos populares é certo. Todo ó contrario, asistimos a un lamentable exemplo de cinismo. Falando claramente, contou unha mentira vergonzosa para un representante político e manipulou a información”, afirmou José Tomé.

 

O mandatario local engadiu que “non é de recibo que a voceira do PP monte un paripé e minta tan descaradamente para tratar de sacar rédito político, acusando falsamente ó Goberno municipal”.

 

A limpeza das canles non é competencia dos Concellos

 

“Se dona Julia fose rigorosa, debería saber que os Concellos carecen de competencia sobre a maleza e as árbores mortas e caídas nas canles”, matizou o Alcalde, “as competencias de manter as canles libres de vexetación é das Confederacións Hidrográficas e dos Gobernos autonómicos, tal e como se recolle na lexislación e en diversas sentenzas dos Tribunais Superiores”.

 

José Tomé asegurou que “a suposta xestión que quixo vender como un logro, foi todo unha montaxe para saír nos medios de comunicación e enganar ós monfortinos”.

 

Proxecto para a restauración en varias canles da conca Miño-Sil, obra da CHMS

 

A decisión de rozar as canles de tres ríos de Monforte adoptouna a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en xuño de 2015, así consta no documento do Organismo de Conca no que resolven adxudicar a redacción do prego de prescricións técnicas aEido Ingenieros S.A., para o proxecto restauración hidrolóxica-forestal e mellora da conectividade en varias canles da conca Miño-Sil na provincia de Lugo en zonas incluídas na Rede Natura 2000.

 

Un proxecto que ademais de Monforte, inclúe ós concellos de Vilalba, Cospeito, Begonte, Castro de Rei, Lugo e Sober e Monforte de Lemos; en total, 7 Concellos e 12 tramos de diferentes ríos.

 

No caso de Monforte, o proxecto fai referencia a tres ríos: Cabe, Arroxo e Seco. Nos tres casos, os motivos que alega a Confederación para actuar son a existencia de maleza, árbores caídas, árbores secas e ramas baixas.

 

Ademais deste documento inicial da Confederación, o Alcalde explica que “hai outros documentos que acreditan a montaxe vergonzosa que fixo dona Julia. Concretamente, o 30 de maio de 2017, o BOE, publicou o anuncio para a contratación da elaboración do proxecto de limpeza de canles. En agosto de 2017, adxudicouse o contrato para a elaboración do proxecto de obra a empresa Ingiopsa Ingeniería S.L., que se asina entre o día 9 e o 10 de agosto do pasado ano.

 

O anuncio de formalización de contrato foi publicado na plataforma de contratación do sector público, o 4 de setembro de 2017.

 

José Tomé conclúe que “con estes 4 documentos oficiais queda acreditado que este proxecto foi unha iniciativa da CHMS en 2015 e que o proxecto xa foi contratado en 2017. Polo tanto, tamén queda acreditado que dona Julia non tivo nada que ver nin fixo ningunha xestión. O único que fixo foi unha montaxe que escondía unha gran mentira para enganar ós monfortinos, botándolle a culpa ó Concello.

 

O proxecto para a restautación hidrolóxico-forestal en varias canles da conca Miño-Sil, pode consultarse no seguinte enlace:

https://www.chminosil.es/images/perfil/licitacion/Proyecto%20definitivo%20completo%20Lugo.pdf



    Libro Lois Pereiro #2015anoLoisPereiro
    Novas Axudas ARI
    Escudo do Concello de Monforte de Lemos

    (c) Concello de Monforte de Lemos
    Campo Santo Antonio S/N
    27400 Monforte de Lemos (Lugo)
    Tlf. 982 40 25 01

    Consultas e Soporte Web:
    webmaster@monfortedelemos.es
    Icono de conformidad con el Nivel Doble-A, 
	de las Directrices de Accesibilidad para el 
	Contenido Web 1.0 del W3C-WAI ¡CSS Válido!Valid XHTML 1.0 Transitional
    Programación e Deseño Web: Ainet Consulting