Erguerse e pasear a cidade alegraranos a mañá, visitando o Conxunto Monumental de San Vicente, os Escolapios e as Clarisas, despois podemos achegarnos ao Pazo de Tor ou ao Pazo Muíños de Antero e desde este último iniciar a ruta á Pobra do Brollón, visitando as centenarias adegas de Vilachá de Salvadur.
Ruta para realizar en coche. 67 km. 1 hora e media.
Moi preto das adegas temos o miradoiro da Capela, para coñecer a ribeira da Pobra, subzona de Quiroga-Bibei.
O seguinte destino lévanos á entrada do Courel, ao lugar de Parada dos Montes, aldea de montaña que nos traslada á vida fai 50 anos. A distribución das rúas e vivendas desta aldea convértena nun enclave único para coñecer como se vive na alta montaña e como é a vida de diario lonxe da cidade. Estamos á entrada do Courel.