O Alcalde informa do gañador do XXVIII Concurso de deseño de Carteis das Festas Patronais 2023 de Monforte

-José Tomé Roca informa do fallo do xurado do Concurso de Carteis das Festas Patronais que convocou un ano mais o Concello de Monforte.

-O gañador resultou ser Rubén Lucas García, que concursaba co pseudónimo “Alegría” e que xa resultou tamén premiado neste mesmo certame no ano 2021.

-Tras darse a coñecer o gañador do Concurso, procederase en próximas datas a presentar o traballo premiado que anunciará as Festas Patronais deste ano 2023 de Monforte de Lemos.

Monforte de Lemos, 11 de maio de 2023. O Alcalde do Concello de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar que o xurado do Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais 2023, xa fallou a favor dun dos participantes do mesmo, e que polo tanto, xa temos gañador do Concurso deste ano.

O cartel gañador foi escollido entre quince traballos presentados que pertencían a 10 participantes diferentes de procedencia diversa. Nove eran obras presentadas dende Monforte, tres dende Murcia, unha dende A Coruña, unha dende Castro Caldelas e outra dende Escairón.

O xurado, composto por sete persoas de ámbitos sociais, educativos e culturais diferentes, decidiron tras cinco rondas de clasificación, aos tres finalistas que se disputaron o premio final. O cartel seleccionado polo xurado, pertence a un concursante de Murcia que xa participou noutras edicións deste concurso, chegando incluso a ser declarado gañador no ano 2021.

Tal e como se explicaba nas bases que establecen os requisitos a cumprir para a presentación dos deseños, establécese un único premio que será o cartel anunciador e a portada do programa das Festas 2023 e que está dotado cunha cantidade de 1.000 euros, impostos incluídos.

O cartel quedará en poder do Concello de Monforte de Lemos e aínda que a propiedade intelectual do traballo gañador, corresponderá ó autor, non obstante, a concesión do premio levará consigo sobre o traballo gañador a cesión exclusiva e gratuíta en favor do Concello de Monforte de todos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación por calquera modalidade, medio ou formato, incluídos os audiovisuais, os informáticos, os multimedia e os telemáticos.

A presentación e divulgación do cartel premiado terá lugar en datas próximas, e tras o anuncio da programación musical que xa se fixo pública, os traballos de organización das Festas Patronais seguen o seu curso para que un ano mais poidan facer desfrutar aos veciños e veciñas de Monforte e aos visitantes que acudan á cidade nas datas que van do día 11 ao 16 de agosto.