Benvid@ a Monforte de Lemos!!
Se chegaches ata aquí é porque queres coñecernos, queres achegarte a Ribeira Sacra, visitar os nosos monumentos ou saír de viños polas rúas empedradas do casco antigo. A cidade de Monforte de Lemos dache a benvida, porque si, Monforte é cidade desde 1885, cando Alfonso XII lle concede o título de cidade, en recoñecemento ao traballo desenvolto para a construción da liña férrea A Coruña-Madrid.
A realidade é que a poboación de Monforte rolda os 20.000 habitantes, é polo tanto un núcleo urbano acolledor e fácilmente abarcable para facer a pé, onde podes atopar todos os servizos que necesitas para gozar da túa estancia connosco. Monforte é cidade de néboas que ás veces cubren todo o val, deixando ver só o Castelo, cidade de agradables noites de verán para gozar en calquera terraza ou paseando á beira do río, cidade na que o río Cabe pode conxelarse no inverno, mentres que no verán as barcas asucan as súas augas cheas de grupos de amigos. Ademais Monforte é a historia do ferrocarril en Galicia (Sé de Muferga), o Monte de San Vicente (Castro Dactonio) dominando o val, os Escolapios (Colexio de Nosa Señora da Antiga) coñecido como o Escorial galego comandando a Compañía, un dos mellores museos de arte sacro da península (Museo das Clarisas), é viño e xente amable, é tradición e un pasado esplendoroso asociado a nomes como o VII Conde de Lemos ou o Cardeal Rodrigo de Castro.
O nacemento de Monforte de Lemos está inevitablemente unido ao Castro Dactonio como o chamaban os romanos. Antes de Roma vivían no castro os Lemavos, “habitantes de terra fértil”. No século VIII trala destrución do castro polos musulmáns, aséntase nel a comunidade benedictina, mentres na ladeira do castro establecíase unha importante colonia xudea adicada ao comercio (Monforte forma parte da Rede Camiños de Sefarad Entra na web Rede de xudarías de España). Na época medieval Monforte era un singular exemplo de cidade-fortaleza, construída ao redor dun mosteiro (hoxe Parador de Turismo) e un Castelo cunha muralla salpicada de torres defensivas, da que aínda se conservan importantes tramos. No século XV, os Castro acadan o Condado de Lemos a perpetuidade e nos séculos XVI e XVII Monforte vive unha das súas épocas douradas co VII Conde de Lemos, Don Pedro Fernández de Castro, Vicerrei de Nápoles e Presidente do Consello Supremo de Italia. O Conde foi tamén mecenas de grandes literatos como Cervantes, Lope de Vega e Góngora. O seu maior legado á cidade (xunto coa súa esposa Catalina de la Cerda e Sandoval) foi a doazón de arte sacro español e italiano, que hoxe conforma o Museo de Arte Sacro das Clarisas. O tío avó do VII Conde de Lemos, o Cardeal Rodrigo de Castro, deixaría o seu propio legado coa construción do Colexio Nosa Señora da Antiga que conta co impresionante retablo de Francisco de Moure na igrexa e a pinacoteca con obras do Greco e Andrea del Sarto.
Logo da invasion napoleónica, que en Monforte atopou resistencia a través da Xunta de Monforte, presidida polo abad de San Vicente, chega outra época dourada, o ferrocarril. En 1883 inaugúrase a liña férrea Madrid - A Coruña e a cidade convértese no nó ferroviario máis importante de Galicia e durante décadas é unha cidade florecente e moi activa cunha grande actividade política e sindical. Hoxe Monforte de Lemos é a segunda cidade máis grande da provincia trala capital, Lugo, e o lugar de referencia para coñecer Ribeira Sacra. O turismo e o sector servizos son, na actualidade, os principais activos da cidade.
Ver Vídeos Monforte Monumental
Descargar documentos Rueiro casco histórico da cidade e zona centro
Mapa Monforte de Lemos. Recursos e hoteles