MONUMENTOS

CONXUNTO MONUMENTAL DE SAN VICENTE DO PINO, formado pola Torre da Homenaxe, o Pazo Condal e o Mosteiro Benedictino (estes dous edificios forman parte hoxe do Parador de Turismo de Monforte)

 

TORRE DA HOMENAXE A Torre da Homenaxe é a vixía de Monforte e desde o exterior é o estandarte da cidade que actúa como un faro que identifica Monforte para o visitante. Para os monfortinos vela, significa volver á casa. Construída entre os séculos XIII e XV, era o edificio máis importante dentro do castelo, nela celebrábanse as Cerimonias de Homenaxe, rito que unía ao señor co seu vasalo. A torre ten 30 metros de altura, 13 metros de lado e muros de 3 metros de grosor. Unha estrutura que vista desde o seu pé impresiona e que desde as súas almenas ofrece un excelente mirador de todo o val de Lemos. A Torre e a muralla da fortaleza medieval sufriron importantes danos durante a Gran Guerra Irmandiña, (1467-1469) e foron reconstruídas unha vez rematados os enfrontamentos.

Torre del Homenaje detalle

Horarios:    

De mércores a domingo de 10:00 a 14:00 e de 16.30 a 20.30

 

 

 

 

 

 

PAZO CONDAL Residencia señorial dos Condes de Lemos, construído no século XVI e reconstruído no XVII tras sufrir un devastador incendio. Actualmente, este edificio acolle parte das dependencias do Parador de Turismo.

 Accede á web

Pazo Condal

 

MOSTEIRO BENEDICTINO DE SAN VICENTE DO PINO Aínda que as súas orixes se remontan ao século X, a edificación actual iníciase no século XVI. Impresionan a fachada e o claustro do edificio conventual de estilo neoclásico. A igrexa monacal, de portada renacentista e interior gótico de transición conta cun coro con órgano de estilo barroco. Destacan as imaxes de Santa Ana coa Virxe e o Neno, e un baixorelevo de orixe románico. O templo acolle celebracións de festividades que contan con grande devoción en Monforte como o Día da Patroa, a Virxe de Montserrat o día 15 de Agosto ou o Día de San Brais o día 3 de Febreiro. Actualmente, gran parte do edificio monacal acolle o Parador de Turismo de Monforte de Lemos.

 Accede á web

Mosteiro de San Vicente do Pino

 

XUDARÍA/ZONA VELLA Aínda que os xudeus de Monforte nunca estiveron confinados e vivían mesturados coa poboación, probablemente o feito de que moitos fosen artesáns e homes de letras, sexa o motivo de que as referencias máis claras que temos de xudeus vivindo en Monforte, nos falen de persoas que habitaban nas rúas Zapaterías, Falagueira e Pescaderías ou na actual Praza de España, hoxe ligazón co centro comercial da cidade. Nun paseo pola xudaría poderás ver aínda as casas dalgúns ilustres xudeus como os Gaibor. Na rúa Pescaderías atoparás outra das torres da muralla. Desde ela obsérvase unha estupenda vista da cidade, do convento da Régoa e da muralla. Un pouco máis abaixo, na mesma rúa, está a cárcere vella; na seu parte superior temos unha nova vista panorámica do casco antigo e xa, moi preto deste edificio, a Praza de España. O casco antigo complétase con dúas das portas da Antiga muralla que aínda se conservan, a Porta da Alcazaba e a Porta Nova.

Barrio Xudeo

 

 

COLEXIO NOSA SEÑORA DA ANTIGA Coñecido popularmente como o Escorial de Galicia, é un impresionante edificio de estilo herreriano dos séculos XVI-XVII, con dúas ás perfectamente simétricas e unha igrexa central cunha xenerosa cúpula. A súa construción foi iniciada polo Cardeal Rodrigo de Castro no 1593. Actualmente, é o Colexio dos Pais Escolapios e acolle unha singular pinacoteca na que difrutar de obras do Greco (Aparición da Virxe co Neno a San Lourenzo e Frei León meditando sobre a morte). A igrexa destaca polo seu retablo de Francisco de Moure e a estatua orante do Cardeal Rodrigo de Castro, impulsor do edificio. Outro dos elementos que impresiona na visita ao colexio é a escaleira monumental cos seus chanzos dunha soa peza, en pedra de granito. A escaleira componse de tres tramos sen aparente punto de apoio para o central, que se sostén grazas a un xogo de forzas que actúan por medio duns arcos pousados en potentes muros.

Fronte ao colexio unha enorme planicie serve de lugar de paso, nela celébranse os concertos e actividades das festas patronais da cidade. Moitos dos artistas que actuaron na coñecida como “explanada da Compañía”, coa fachada dos Escolapios como decorado, aseguran non ter actuado antes nun escenario igual.

Colexio dos Escolapios

Horarios de visita:

Verán: 

do 22 de Xuño ao 8 de Setembro

- Luns a Sábado (mañás) 11:30 e 12:45

- Domingos (mañás) 12:45

- Luns a Sábado (tardes) 16:30 e 17:45

- Domingo (tardes) 16:30-17:45

do 9 de Setembro ao 30 Outubro:

- Todos os días (mañás) 12:45 con reserva previa.

- Todos os días (tardes) 16:45 e 18:00.

Inverno:

De martes a venres ás 17:00. Sábado ás 11:30, 12:45 e 16:30. Domingo ás 11:30 e 12:45. 

O prezo da entrada é de 5€ por persoa. Prezo da entrada de grupos 4,5€.

Igrexa dos Escolapios

 

PONTE VELLA A tradición di que é de orixe romana. Sí sabemos que foi reedificada polo mestre Pedro Rodríguez Remberde a finais do século XVI. Ten seis arcos semicirculares, dous deles cubertos por reformas posteriores. Nos seus amplos arcos centrais poden lerse diversas marcas do canteiro. Ademais de cruzala camiñando, os paseos en barca ofrecen unha perspectiva diferente ao viaxeiro. Nun dos seus lados, está o Museo de Arte Sacro das Nais Clarisas e noutro, a entrada na zona comercial do casco histórico.

Ponte Vella

 

IGREXA DE BAAMORTO Edificio de orixe románico que conserva algúns restos deste estilo, malia as reformas dos séculos XVII e XVIII. Portada principal con arco de medio punto e unha moldura barroca. Pórtico sobre columnas dóricas. Muros de sillería e de mampostería. No muro sur conserva interesantes pinturas.

Igrexa de Baamorto

Igrexa de Baamorto pinturas