Ruta 1

Mosteiro das Bernardas

 

Monforte de Lemos é o punto de inicio perfecto para que o visitante se achegue a coñecer os principais atractivos da Ribeira Sacra, o románico, o viñedo, a artesanía, a paisaxe de ribeira, os soutos centenarios,…

Excursión dun día. Necesario vehículo. 60 km. 1 h 15 minutos.

Un día perfecto pode ser amencer en Monforte e achegarse a ver o Conxunto Monumental de San Vicente do Pino, o Colexio Nosa Señora da Antiga, o Museo das Clarisas e/ou dar un paseo pola zona vella da cidade e/ou á beira do río Cabe. Despois dirixímonos a Pantón pola vella N-120. En menos de 10 minutos estamos no Mosteiro de San Salvador, tamén coñecido como as Bernardas de Pantón. É o único de toda Galicia que conservou a súa función desde a súa creación ata hoxe. Construíuse en varias etapas ao longo de cinco séculos. A igrexa románica é do século XII, o claustro do século XV e o resto da edificación do século XVIII.

Mosteiro das Bernardas

 

 

 

 

 

 

Ao abandonar as Bernardas seguimos dirección Pantón e logo de cruzar a vila dirixímonos a Mosteiro/Eiré pola estrada que nos levará a Escairón. 5 minutos logo de abandonar Pantón chegamos a San Miguel de Eiré.

O templo pertenceu a un mosteiro benedictino fundado a comezos do século XII. Conserva restos prerrománicos que denotan a existencia dunha construción anterior. Algúns autores outórganlle unha función defensiva. Estamos ante un dos templos máis orixinais do románico galego.

 San Miguel de Eiré

 

 

 

 

 

O noso seguinte destino é A Cova no Saviñao. Xa na Cova onde accedemos por unha revirada estrada podemos desfrutar de románico, paisaxe e viño nun único enclave. Coa igrexa de San Martiño da Cova e a paisaxe excepcional do Miño no Cabo do Mundo.

Fronte ao Cabo do Mundo atópase a praia fluvial da Cova. Seguindo a estrada que bordea o Miño, chegamos a Belesar, tradicional aldea de ribeira. Unha vez pasado Belesar seguimos a estrada ata desembocar no corredor. Aí temos dúas opcións ou visitar a presa de Belesar ou terminar cun dos templos románicos máis representativos da Ribeira Sacra, Santo Estevo de Ribas do Miño, desde onde temos unha fermosa vista da Ribeira de Chantada e da presa de Belesar.

 Santo Estevo de Ribas do Miño

Despois só temos que regresar a Monforte e farémolo coa sensación de levarnos un pedaciño da Ribeira Sacra no corazón.