Monforte é música. Festival 17º Ribeira Sacra

 

24/07/2018 O Festival 17° Ribeira Sacra celebra a súa segunda edición despois do éxito colleitado na primeira experiencia do 2017. Nesta ocasión amplíase a programación a dúas fins de semana, do 27 ao 29 de xullo e os días 4 e 5 de agosto. As actividades do festival distribúense por distintos puntos da Ribeira Sacra, en miradoiros, adegas, monumentos, catamaráns,… e inclúen concertos, catas, rutas, visitas guiadas e moitas outras sorpresas.

Unha das citas centrais terá lugar en Monforte co concerto de Coque Malla, Woods, Fuckaine, Puerto Candelaria e Freedonia. O esceario, a Praza Luis de Góngora y Argote, ao carón do mosteiro benedictino de San Vicente, hoxe Parador de Turismo. Será o sábado 28 de xullo a partir das 20.00 h. cando a música comece a soar na cidade do Cabe e a encher de ambiente un dos escearios máis emblemáticos de Monforte.
 
A nosa cidade será tamén punto de referencia para outras actividades do festival xa que os días 27 e 28 o servizo de autobuses que conectará os distintos espazos do festival (catamarán de Doade, adegas Regina Viarum e Algueira e mirador de Santiorxo), terá a súa saída de Monforte.
 
Despois de que hai menos dun mes se celebrara en Monforte o festival  do Viño da Ribeira Sacra, a música, a cultura, a gastronomía, o viño, o patrimonio,…volven a ser ingredientes fundamentais na cidade do Cabe e ti podes ser o protagonista. Para estar ao día de toda a actualidade do Festival 17º Ribeira Sacra e adquirir as túas entradas entra na web.
 
Estamos desexando verte e compartir contigo estas e outras propostas que temos preparadas para este verán.