07/03/2019 Os recursos turísticos cos que conta o Concello de Monforte precisan de tempo para coñecelos. Os monumentos e museos son algúns dos principais atractivos deste Municipio Turístico de Galicia, pero ademais o territorio do concello conta con multitude de atractivos naturais e paisaxísticos.
Se o visitante busca contacto coa natureza, a veciñanza é ben coñecedora de en que lugares evadirse dentro da propia capitalidade municipal. A cidade conta con parques e xardíns en todos os barrios, pero hai espazos que son especialmente interesantes como a ladeira de San Vicente e o Parque dos Loureiros ou o Parque dos Condes.
Desde o Parque dos Condes poden iniciarse dous fermosos paseos ao carón do Cabe. Un deles é seguir o río dentro da propia cidade polo paseo fluvial e o outro, transcorre xusto en sentido contrario, levándonos ata Piñeira nun paseo un pouco máis longo no que acompañamos o discorrer do Cabe.
O caso é que o río Cabe é o principal recurso natural na cidade e a súa contorna, e ofrece espazos de verdadeira beleza e tranquilidade en lugares como a área recreativa de Ribasaltas e Villanueva.
Monforte é final da cuarta etapa do Camiño de Inverno a Santiago e inicio da quinta etapa, que levará ao camiñante ata Chantada. Facer o camiño é sempre unha atractiva opción de lecer para quen queira estar en contacto coa natureza.
E se seguimos querendo natureza, estamos na capital da Ribeira Sacra, territorio declarado BIC e para o que se persegue ante a UNESCO que sexa declarado Patrimonio da Humanidade e Reserva da Biosfera. Unha cita cunha natureza desbordante pode levarnos ata o Miradoiro do Duque sobre os viñedos en socalcos do río Sil ou ata o embarcadoiro de Doade desde o que disfrutar dunha nova perspectiva e desde onde se inician as demandadas viaxes en catamarán polo canón do Sil.
Adicar uns días a vivir a natureza de Monforte de Lemos sempre é unha terapia para o espírito. O audiovisual “Monforte natural” fainos un percorrido por estes recursos. Visitámolos?
Coñece máis dos lugares de interese do Concello de Monforte de Lemos, na web de turismo do Concello. Para estar ao día de toda a actividade do Concello de Monforte de Lemos, séguenos en Facebook.