28/03/2019 O Cardeal Rodrigo de Castro impulsou a construción da Nosa Señora da Antiga, en terreos cedidos polo Concello, a finais do século XVI. O edificio construíuse coa intención de convertelo en centro cultural e museo, ademais de panteón do seu fundador. Nos seus inicios e ata o ano 1.767 estivo rexentado pola Compañía de Jesús. Ao longo do tempo tivo distintos usos, destacando o de Real Seminario de Estudos, por iso na cidade coñéceselle como Colexio da Compañía ou dos Escolapios. O edificio tamén é coñecido como o “Escorial galego” polas similitudes arquitectónicas dos dous edificios.
As obras do edificio comezaron en 1.593 sobre planos do propio Cardeal e do jesuíta, Andrés Ruíz e non acabaron ata o s. XX, baixo a rexencia dos Escolapios. Para poder finalizar a obra, vendeuse unha pintura orixinal de Van der Goes ao Museo de Berlín. A pintura vendeuse por 1.263.000 pesetas e unha copia da obra de Van der Goes, copia que hoxe se atopa na igrexa do edificio.
O edificio é de estilo herreriano, cunha fachada de 110 metros de longo e unha altura máxima de 23 metros. A última planta ten unha fermosa balaustrada de balcóns con arcos de medio punto e cada lado da fachada conta coas súas torres cadradas.
A igrexa conta cunha cúpula de 10 metros de diámetro sostida por catro arcos. O retablo maior do templo é obra de Francisco Moure, sendo encargado en 1.625, está dedicado na súa maior parte á Virxe María. Conta cunhas dimensións de case 20 metros por 10 metros.
Á esquerda do altar atópase a estatua orante en bronce do Cardeal Rodrigo de Castro, realizada por Juan de Bolonia, baixo ela está a tumba co corpo momificado do Cardeal.
A Capela do Santo Cristo conta cun Cristo crucificado, en mármore dunha soa peza, obra de Valerio Cioli. A Capela das Reliquias, de estilo barroco, contaba con numerosas pezas traídas polo Cardeal das súas viaxes a Roma. A maioría foron roubadas durante as invasións napoleónicas do ano 1809, pero aínda se conservan unha espiña da coroa de Cristo e o Lignum Crucis do Cardeal, con dous fragmentos da cruz de Jesús.
Puntos de interese do edificio son tamén o claustro cos escudos do Cardeal, a Casa de Lemos, a Casa de Alba e as Escolas Pías; a escaleira monumental de 3 tramos sen aparente punto de apoio para o central e o museo pinacoteca, con obras do Greco e Andrea del Sarto, ademais dun retrato do Cardeal, realizado por Diego Pacheco.
O edificio preside o Campo da Compañía. O Cardeal solicitara ao Concello a cesión destes terreos para crear un espazo aberto que facilitase a súa visión e resaltase a súa beleza. O lugar é punto de reunión habitual en Monforte. Antigamente líanse os edictos ou se informaba á poboación dos feitos importantes, hoxe en día é o escenario principal dos concertos durante as Festas Patronais e decorado doutros actos festivos e lúdicos, entre os que tamén destaca a Feira Medieval que se celebra en Semana Santa.
A rúa Cardeal une Nosa Señora da Antiga coa Praza de España, foi o Cardeal quen mandou abrir esta rúa para facilitar o acceso desde o centro da vila ata o edificio.
Máis información dos monumentos de Monforte accedendo aquí.