09/04/2019 A fin de semana de Semana Santa, Monforte celebra a XVII edición da súa Feira Medieval. A cidade vístese de Medievo e durante dous días, monfortin@s e visitantes pasean as rúas e prazas da cidade participando das diferentes actividades.
Monforte rememora así unha das épocas de maior esplendor da cidade da que dá mostra o Castelo de San Vicente coa súa Torre da Homenaxe comandando o Val de Lemos. Estamos na época do Condado de Lemos que na súa rama principal, contou coa Casa dos Castro, mecenas de escritores e artistas que destacaron pola súa filantropía e interese nos avances sociais e intelectuais.
Mostra dese pasado é tamén o Convento das Nais Clarisas e toda a colección de arte sacro que atesoura, unha das máis importantes de España; ou a muralla e toda a cidade intramuros que nos falan da importancia da presencia xudea en Monforte.
A Feira Medieval de Monforte é cita indispensable para gozar da Semana Santa na Ribeira Sacra. O Concello de Monforte leva anos adicando esforzo e atención a esta cita que quere converter en Festa de Interese Turístico e que ano a ano amplía as súas propostas lúdicas e de lecer.
Os postos de artesanía e gastronomía decoran as rúas e prazas, sucedéndose os espectáculos de cetraría, malabares con lume, tiro con arco, actuacións musicais, torneos, hípica… Toda a cidade convértese nun decorado de época, destacando como escearios principais a Praza de España onde se instala o Campamento Medieval, o adro da Régoa e as rúas da zona vella cos seus postos e os balcóns decorados ou a contorna dos Escolapios onde se desenvolven as Xustas Medievais.
Para completar o ambiente medieval, os restaurantes ofrecen tapas e menús medievais. Todo convida a facer unha viaxe ao pasado e fai de Monforte unha cidade medieval digna de visitar e gozar.
Aquí podes consultar todo o programa da Feira Medieval.