Monforte Museos 

29/5/2019 Monforte de Lemos é unha cidade cada vez máis visitada, por ser o punto central desde o que moverse cara o resto da Ribeira Sacra e por acoller recursos monumentais de primeira orde; así como espazos naturais e servizos para goce de veciños e visitantes. No apartado de espazos museísticos, a cidade e o concello contan cunha ampla oferta de recursos de todo tipo.

Na propia cidade destaca o Museo de arte sacro das Clarisas, ubicado no convento que foi fundado no século XVII polos VII Condes de Lemos, que doaron a súa colección particular composta por obras españolas e italianas. A colección de arte sacro está considerada como unha das máis importantes de España.

Unha tradición histórica tan vinculada ao ferrocarril como a de Monforte converte a cidade na sede do Museo do ferrocarril de Galicia. A historia de Monforte estará para sempre vinculada ao tren. Desde que en 1883, o rei Afonso XII inaugura a liña Madrid - A Coruña, o tren converteu a cidade nun importante nó ferroviario. Neste museo pódese facer unha viaxe ao pasado visitando as locomotoras e vagóns de época.

O Centro do Viño da Ribeira Sacra conta cunha magnífica exposición que achega aos visitantes os segredos do viño e da Ribeira Sacra, sala de catas, tapería e unha espléndida tenda na que pode atopar os viños que se colleitan nesta D.O.

 

Museo do Viño da Ribeira Sacra

 

Nun dos edificios emblemáticos da cidade, o colexio Nosa Señora da Antiga ou os Escolapios cóntase cunha pinacoteca con obras do Greco: a Aparición da Virxe co Neno a San Lourenzo, e Frei León meditando sobre a morte. Tamén cinco táboas de Andrea del Sarto e obras de Francisco Pacheco.

O Pazo de Tor é visita obrigada para coñecer como era a vida nos pazos, xa que conserva todo o seu mobiliario e obxectos. De feito a colección de mobles do Pazo de Tor é casi única en Europa. 

Outro esceario histórico é o Pazo Molinos de Antero, que era centro de recadación das rendas do tabaco e outros impostos para a Corte. O edificio é orixinal e distínguese doutros pazos galegos por unha característica arquitectura afrancesada e unha decoración pictórica italianizante dos seus cuartos. Consérvanse pinturas do artista monfortino Castinande.

Os espazos museísticos complétanse co Museo Casas de Muñecas, museo de artesanía en miniatura e co Museo Lodeiro, adicado ás esculturas en madeira do escultor Darío Lodeiro.

audiovisual "Monforte Museos" ao que se pode acceder desde a canle de youtube do concello achéganos a estes recursos museísticos.

Viaxamos en 3 minutos polos nosos museos?

 Audiovisual Monforte Museos

Coñece más dos Museos de Monforte