26/08/2019 Do 28 ao 31 deste mes de agosto a cidade do Cabe acolle a celebración da XXII edición da súa Feira do Libro. Desde o Concello apóstase cada ano por esta cita co obxectivo de achegarlle a veciños e visitantes unha parte fundamental da cultura en Galicia, ao tempo que se apoia o sector editorial e se divulgan as publicacións de autores da contorna e doutros autores galegos.
Esta festa da literatura que cada ano atrae a centos de visitantes ata a rúa Cardenal de Monforte, escenario da cita, está pensada para todos os públicos e quere ser un modo de reivindicar a lectura como a mellor forma de aprender de xeito ameno e divertido.
As casetas da Feira do Libro instalaranse no marco incomparable da rúa Cardenal, un dos lugares emblemáticos da cidade do Cabe, que durante catro días será o epicentro das alternativas de lecer vinculadas á cultura.
O horario da feira será de 11.00 a 14.00 e de 19.00 a 22.00, para tentar animar a participación da xente fóra dos horarios de moito calor. Despois de que o día 28 ás 19.00, a escritora da Pobra do Brollón, Olga Novo, faga o pregón desta edición, sucederanse actividades abertas a todos on interesados nas que gozar de presentacións de libros, actividades infantís e sinaturas das obras por parte dos seus autores.
Desde o Concello de Monforte convídase a veciños e visitantes a participar desta nova cita coa cultura que quere servir para revitalizar unha necesaria paixón pola literatura, como base da creatividade e do coñecemento de novas realidades.
Despois do pregón, o día 28, de Olga Novo coa actuación da Banda de Gaitas de Monforte e a presentación do último libro da autora, Feliz Idade; o resto da programación é a seguinte:
O xoves 29 haberá tres presentacións destacadas: ás 19.00 horas, Estrelas de Manteiga de Isabel Porto Collazo, por Sar Alejandría; ás 20.00 horas terá lugar a presentación da Guía del Camino de Invierno a Santiago, de Aida Menéndez; é ás 21.00 horas, Relatos de 70 mm, cos autores Margarita Rodríguez Otero, Fernándo Hernández e Sandra R. Fernández, así coma o prologuista e editor da editorial El Sendero, José Luis Ordoñez.
O venres 30 terá lugar ás 19.00 horas un concerto-presentación para os máis pequenos da casa A nena e o grilo, máis aló, con Magín Blanco (Galaxia). Ás 20.00 h, a presentación de Contodamina, de Rafa Lobelle (Chan de Pólvora). E ás 21.00 h, O lugar que non hai, de Estevo Creus (Chan de Pólvora).
A feira rematará o sábado 31 coa presentación ás 12:00 horas de Bailando sobre el parqué de Óscar Quant (editorial Milenio); ás 13:00 horas, Actrices secundarias de Clara do Roxo (editorial Elvira); ás 19:00 horas, concerto-presentación de Cantamos de Luís Vallecillo (Guindastre Edicións); e ás 20:00 horas, presentación de Soños de chicolate de Antón Valcarce (Agrasar Editores).
Más información na web do Concello e no Facebook