29/10/2019 O Camiño de Inverno é unha ruta de peregrinación a Santiago, coincidente coa entrada natural a Galicia desde a meseta. Este Camiño ten 7 etapas e nas centrais, Monforte é protagonista. Ademais, desde Monforte fanse os quilómetros necesarios para obter a Compostela.
O Concello de Monforte é final da cuarta etapa que se inicia en Quiroga e que ata Monforte son 35 quilómetros. Cando o peregrino se aproxima a Monforte guíano a Torre da Homenaxe e o Mosteiro Benedictino de San Vicente do Pino.
En Monforte iníciase a quinta etapa, de case 31 quilómetros e que ten como final, Chantada. En Monforte de Lemos, o peregrino cruza a Ponte Medieval e pasa polo Campo de San Antonio, despois de deixar atrás o convento das NN.Clarisas cun importante Museo de Arte Sacro e o antigo barrio de Ramberde. O peregrino sae da cidade pola rúa Abeledos, unha das máis antigas extramuros, que aínda conserva parte da arquitectura popular característica coas súas casas de balcóns de madeira. Despois de pasar a rúa do Poeta Manuel María, o peregrino desemboca na rúa de Chantada e desde aí diríxese á Vide.
Chegamos á Vide e despois á Lagoa, Os Campos e Pacios. Despois de pasar o castro de Moreda, o peregrino entra en Pantón para seguir o seu camiño a Santiago de Compostela.
Máis información na web de turismo.