1/09/2020 O patrimonio e os recursos turísticos da capital de Ribeira Sacra cada vez traspasan máis fronteiras, nesta ocasión da man de publicacións internacionais como Traveler que o 19 de agosto viaxaba por terras galegas en busca do legado sefardí. Unha viaxe no tempo que fai parada en Ribadavia, Tui e Monforte de Lemos:
“Os testemuños xudeus da cidade lucense a beiras do río Cabe dispérsanse polas súas rúas, especialmente pola chamada Falagueira, hoxe rúa da Cruz, onde estaban os comercios, e nas nomeadas segundo os seus gremios, como Zapaterías ou rúa Pescaderías que aínda conserva o que era a casa sefardí da familia Gaibor.
Cóntao o historiador Felipe Aira Pardo, autor do libro Judíos y Conversos de Monforte de Lemos, que tamén fala sobre a época feudal, século XII, de Monforte de Lemos cando reinaba o Conde de Lemos, desde o seu Castelo –hoxe Parador Nacional–, parte do Conxunto monumental de San Vicente del Pino xunto á Torre de Homenaxe e o Mosteiro de San Vicente.
Ir descubrindo a pegada sefardí polas rúas de Monforte é pechar os ollos e imaxinar a presenza daqueles que durante moitos anos viviron, comerciaron e foron parte das tres culturas que compoñían España; pescudando os seus costumes, ditos e saboreando doces e especias xa integrados no cotián do pobo.
Entrar no Escorial Galego é facelo na historia da cidade. O Colexio da nosa Señora da Antiga, construído a finais do século XVI baixo o patrocinio do Cardeal Rodrigo de Castro, é un conxunto monumental que conta coa Igrexa, o Claustro e o Museo. No retablo de nogueira, obra de Francisco de Moure, obsérvanse detalles curiosos como a circuncisión do neno Jesús. Mentres que o museo garda dous óleos do Greco e cinco táboas de Andrea del Sarto.
O 'saber' para o pobo xudeu foi de vital importancia. Moitas veces tiveron que deixalo todo e só puideron levar ese coñecemento que transmitiron aos seus descendentes. En tempos en que unha gran parte a sociedade cristiá era practicamente analfabeta, os señores feudais apoiáronse nos xudeus para a administración das súas leiras, o comercio, as transaccións. De feito, os hebreos eran patrimonio do rei e adoitaban vivir dentro das murallas como signo de protección. Houbo algunhas familias conversas en Monforte de Lemos como os Coronel, Gaibor, Céspedes ou Pereira que tiveron gran influencia na sociedade.
Neste traxecto polos camiños sefardís, o capítulo gastronómico é prioritario. O Parador de Monforte de Lemos ofrece un menú sefardí con burekas de pataca e sésamo, crema de lentellas e queixo fresco, carré de cordeiro asado ao romeu, e unha crema fría de alfóncigos de sobremesa, regado polos seus viños da Ribeira Sacra.
A valente viticultura de montaña ten nos socalcos da Ribeira Sacra a súa máxima expresión. Lugar de preferencia para observar os viñedos son o Miradoiro Duque e o Embarcadoiro do río Sil.
As viñas graduadas forman unha paisaxe espectacular e reflicten o amor pola terra e o viño daqueles que as cultivan e que contan con deixar ese legado aos seus herdeiros aos que trasladaron a súa forma de vida, dura e bela.
Así o transmite Fernando González, propietario da adega Algueira, fundada xunto á súa esposa Ana en 1998. Para Fernando é emocionante saborear eses viños cuxas cepas a beiras do Sil desafiaron a pendente, o vento, a choiva e o sol ata sacar os caldos das súas uvas. Viños minerais, estruturados, complexos, intensos e elegantes. Di Fernando como o microclima que se forma na Ribeira Sacra, mediterráneo a beiras do atlántico, favorece o cultivo da vide, a oliveira e os cítricos. O complemento á cata e exposición de Fernando é a visita ao Centro Viño Ribeira Sacra, onde aprender sobre as reviravoltas desta forma de cultivo, e terminar no seu tapería saboreando o aprendido.”