O Colexio da Compañía xa é BIC

1/03/2021 O Consello da Xunta dá luz verde ao decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento e nivel de protección integral, o Colexio da Nosa Señora da Antiga, un inmoble clave para comprender o desenvolvemento do Renacemento en Galicia e a historia deste concello.

Cardeal Rodrigo de Castro impulsou a construción da Nosa Señora da Antiga, en terreos cedidos polo Concello, a finais do século XVI. O edificio construíuse coa intención de convertelo en centro cultural e museo, ademais de panteón do seu fundador. Os  seus biógrafos descríbeno como un humanista refinado, amante da arte e mecenas da cultura, e tamén como un personaxe implicado na vida da corte de Felipe II.  Nun momento da súa madurez, decidiu crear unha institución  filantrópica na cidade da súa infancia, Monforte, e doarlle a súa colección de obras de arte e biblioteca. En 1586 comezou as conversas para a creación do colexio cos xesuíta, con que mantiña moi boa relación e cinco  anos despois encargou a compra dos terreos e ao ano seguinte as obras saíron a poxa. As obras do colexio comezaron en 1593 co proxecto que redactaron Andrés Ruiz, un xesuíta da escola de Valladolid, e Vermondo Resta, o arquitecto do cardeal en Sevilla.

O inmoble estivo ao longo da súa historia relacionado coa función educativa, se ben pasou por épocas de maior ou menor esplendor. Incluso por etapas de decadencia relacionadas cos danos consecuencia do terremoto de Lisboa (1755), coa expulsión dos xesuítas (1767), os saqueos das tropas francesas (1809) ou un incendio en 1824. Xa en mans dos pais escolapios, que se fan cargo do colexio no ano 1873, o edificio puido rematarse no primeiro cuarto do século XX grazas ao recoñecemento do valor e posterior venda dun dos cadros que constitúen a senlleira colección pictórica e de obras de arte do Colexio. O cadro, obra do pintor flamenco Hugo van der Goes, vendeuse ao goberno alemán por unha  importante suma económica que permitiu rematar as obras entre 1919 e 1930 co apoio e supervisión da Casa de Alba. O edificio tamén é coñecido como o “Escorial galego” polas similitudes arquitectónicas dos dous edificios.

O edificio é de estilo herreriano, cunha fachada de 110 metros de longo e unha altura máxima de 23 metros. A última planta ten unha fermosa balaustrada de balcóns con arcos de medio punto e cada lado da fachada conta coas súas torres cadradas.

igrexa conta cunha cúpula de 10 metros de diámetro sostida por catro arcos. O retablo maior do templo é obra de Francisco Moure, sendo encargado en 1.625, está dedicado na súa maior parte á Virxe María. Conta cunhas dimensións de case 20 metros por 10 metros.

Retablo Iglesi Escolapios

 

Á esquerda do altar atópase a estatua orante en bronce do Cardeal Rodrigo de Castro, realizada por Juan de Bolonia, baixo ela está a tumba co corpo momificado do Cardeal.

Capela do Santo Cristo conta cun Cristo crucificado, en mármore dunha soa peza, obra de Valerio Cioli. A Capela das Reliquias, de estilo barroco, contaba con numerosas pezas traídas polo Cardeal das súas viaxes a Roma. A maioría foron roubadas durante as invasións napoleónicas do ano 1809, pero aínda se conservan unha espiña da coroa de Cristo e o Lignum Crucis do Cardeal, con dous fragmentos da cruz de Jesús.

Puntos de interese do edificio son tamén o claustro cos escudos do Cardeal, a Casa de Lemos, a Casa de Alba e as Escolas Pías; a escaleira monumental de 3 tramos sen aparente punto de apoio para o central e o museo pinacoteca, con obras do Greco e Andrea del Sarto, ademais dun retrato do Cardeal, realizado por Diego Pacheco.

O edificio  preside o Campo da Compañía. O Cardeal solicitara ao Concello a cesión destes terreos para crear un espazo aberto que facilitase a súa visión e resaltase a súa beleza. O lugar é punto de reunión habitual en Monforte. Antigamente líanse os edictos ou se informaba á poboación dos feitos importantes, hoxe en día é o escenario principal dos concertos durante as Festas Patronais e decorado doutros actos festivos e lúdicos, entre os que tamén destaca a Feira Medieval que se celebra en Semana Santa.

rúa Cardeal une Nosa Señora da Antiga coa Praza de España, foi o Cardeal quen mandou abrir esta rúa para facilitar o acceso desde o centro da vila ata o edificio.

Máis información dos monumentos de Monforte accedendo aquí.