"Que ver en el mundo" en Monforte de Lemos

17/03/2020 A web Que ver en el mundo entra en Monforte de Lemos, capital da comarca de Lemos e da Ribeira Sacra. A publicación fai a seguinte referencia á Historia de Monforte, “As súas orixes hai que buscalas no paleolítico, cando a rexión foi habitada pola tribo dos Lemavos. Sobre o Cerro de San Vicente situábase o castro celta Castro Dactonio, desa época vén o nome de Lemos.

Os romanos deixaron como legado o nome de Monforte, orixinalmente chamado “Mons Fortis” ou “Monte Forte”. Con posterioridade chegou a ocupación de suevos, visigodos e musulmáns que arrasaron a cidade. A Orde Benedictina encargouse de repoboar a zona, deixando ao seu paso un importante legado románico. Nesa época establecéronse os xudeus, chegando a converterse nunha congregación moi influente.

Oficialmente a fundación produciuse o 10 de abril de 1104, polo conde Fruela Díaz. Os monxes cederon parte do terreo aos condes, quen construíu o Castelo de San Vicente. De feito, é moi famosa a lenda de “A Coroa de Lume”. Contan que o abade García, cando o conde non estaba, escapábase por un pasadizo desde o mosteiro ao castelo para deitarse coa súa muller, ou a súa filla, non está claro. Cando o conde decatouse, convidou ó abade a unha copiosa comida antes de coroalo cunha coroa de ferro candente.”

Na cidade do Cabe repasa o Mosteiro de San Vicente do Pino, coa súa Torre da Homenaxe e o seu Palacio Condal. Fai parada no Colexio Nosa Señora da Antiga, “Coñecido como El Escorial de Galicia, álzase á beira do río Cabe. Foi construído a finais do século XVI, polo cardeal Rodrigo de Castro. Do interior destaca o retablo de madeira de nogueira obra de Francisco Moure, dedicado á Virxe María. Ao carón está o sepulcro do cardeal Rodrigo de Castro, sobre el hai unha estatua orante do fundador, obra de Juan de Bolonia.

Colexio Nosa Señora da Antiga

 

Trátase dun edificio herreriano de 110 metros de fachada, para a súa construción fixeron falta tres séculos. Nos seus inicios estaba rexentado pola Compañía de Jesús, quen fundou o Real Seminario de Estudos. Pero tras a expulsión dos xesuítas pasou a mans da Casa de Alba, eles doárono aos Pais Escolapios.”

Despois achégase ao Convento de Santa Clara “famoso por albergar un dos mellores museos de arte sacra de España. Foi fundado a principios do século XVII pola VII Condesa de Lemos, desde entón está ocupado polas monxas clarisas.

O Museo de Arte Sacra está aloxado no antigo hospital, ao que se pode acceder desde unha porta anexa ao convento. Conserva un gran número de obras de arte sacra, destacando dúas tallas de Gregorio Fernández, o Cristo Yacente e a Inmaculada. Tamén hai magníficas pezas de ourivaría, relicarios ou indumentaria litúrxica.”

Que ver en el mundo segue a súa visita a Monforte na xudería e o burgo medieval; a Ponte Vella, construído no século XVI polo mestre canteiro Pedro Rodríguez Remberde. Achégase tamén ao Museo do Ferrocarril de Galicia, que repasa a historia dun dos máis importantes nós ferroviarios de España do século XIX.

Ponte Vella

A publicación complétase con información sobre as festas da cidade e propostas gastronómicas, “A cociña tradicional está marcada pola súa localización no interior de Galicia, sendo moi consumida a carne de porco e de vacún. Aínda así, o produto estrela é o polbo á feira, non en balde dise que no interior de Galicia cómese o mellor polbo. Outra opción moi socorrida son as empanadas galegas, poden ser de iscos, carne, atún, bacallau, zamburiñas, etcétera.”

Accede á publicación orixinal aquí.