13/11/2022 Monforte foi este venres o escenario de celebración da segunda xornada do VIII Fórum de Cidades e Territorios Creativos de España - Fórum Lugo 2022, do que é anfitrioa a Deputación de Lugo tras resultar gañadora na edición anterior da Copa de España Creativa. Despois de inaugurar o Fórum na capital da provincia na xornada do xoves, este venres os finalistas e participantes deste encontro, chegados de diversos puntos da xeografía española, desprazáronse ata o Parador de Monforte, onde foron recibidos pola tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada.
Durante a mañá celebrouse un foro no que participaron a poetisa Olga Novo, o artista urbano Diego As, e o fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel. Así mesmo, os finalistas tiveron a oportunidade de defender as súas candidaturas ante os representantes do xurado experto. Pola tarde celebrouse no Museo do Viño un foro de debate con Uxío Novo, da Fundación Uxíonovoneyra; Elías Gundivós, de Artesanía Gundivós; Alexandra Seara, do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra; e Carolina Pereira, secretaria executiva do Ministerio das Culturas, Artes e Patrimonio do Goberno de Chile.
A maiores, os participantes puideron gozar dunha ruta en catamarán polos canóns do Sil e probar os caldos da Ribeira Sacra, dúas actividades que tiñan como obxectivo amosar aos participantes do Fórum Lugo 2022 a paisaxe e a cultura desta zona da provincia de Lugo, Ribeira Sacra, da que Monforte é capital.