03/06/2023 Monforte de Lemos acolle no Paseo do Malecón, do 30 de xuño ao 2 de xullo, unha nova edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. Unha proposta diferente cun amplo programa de actividades que xiran ao redor do viño, auténtico protagonista do Festival por ser vehículo capaz de unir historia, tradición, cultura e paisaxe.
Nesta edición do Festival contarase con 30 adegas: Abadía da Cova, Adega Vella, Algueira, Alma das Donas, Asolagados, Barbadelo, Casa de Outeiro, Adega Corzoás, Cividade, Condado de Sequeiras, Cruceiro, Don Bernardino, EDV, Finca Cuarta, Finca Millara, Galanteiro, Guímaro, Gullufre, Lucenza, Malcavada, Petrón, Peza do Rei, Ponte da Boga, Priscillvs, Rectoral de Amandi, Sabaínzas, Tear, Tolo do Xisto, Val da Lenda, Viña Vella.
Os horarios de apertura e peche dos stands do Festival do Viño serán o venres, 30 de xuño, de 7 da tarde a 12 da noite. O sábado, 1 de xullo, de 11 da mañá a 3 da tarde, e das 7 da tarde ás 12 da noite e o domingo, 2 de xullo, de 11 da mañá a 3 da tarde e das 19:00h ás 22:30h.
Haberá Zona de Gastronomía con produtos da comarca. Haberá obradoiros infantís en horario de mañá e de tarde e obradoiros de análise sensorial para adultos das distintas variedades de viño, Alejandro Paadín fará unha MASTERCLASS o domingo ás 12:30 horas, “Viños da Ribeira Sacra vs Viños Internacionais”. Estas actividades son gratuítas e faranse na zona acondicionada como Sala de Catas dentro do recinto do Paseo do Malecón. É necesario facer reserva previa no teléfono +34 621 120 560 ou no email festivalmonforte@gmail.com.
O sábado farase a Viñoruta do Sil, Tradición e Viñedos do Sil, con saída ás 15.15 e o domingo ás 10.15 farase a saída da viño ruta, Os viñedos e o río Miño. Contacto 621 120 560 ou enviar un email a festivalmonforte@gmail.com.
Cóntase con 5 actuacións no propio malecón, en dous escenarios, detrás do ambulatorio e outro á altura do Centro Cívico. O obxectivo é “que nos visite moita xente durante os tres días que vai durar o evento, que en definitiva debe supoñer o colofón a todas as feiras que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe do sur da provincia de Lugo”, asegura o alcalde, José Tomé.