22/05/24 O Concello de Monforte súmase un ano máis á campaña internacional Quere o teu mercado, que se celebrará o sábado 25 e o venres 31 de maio. A iniciativa fomenta as compras no pequeno comercio de proximidade, neste caso, na Praza de Abastos de Monforte, “canles de comercialización que garanten a calidade dos produtos alimentarios galegos, e nelas únese tradición e modernidade, a través da profesionalidade dos seus praceiros e praceiras”, destacaba o rexedor local José Tomé.
Este sábado, 25 de maio a partir das 12:30h. terá lugar na Praza de Abastos, unha degustación de produtos locais provintes dos praceiros: queixos, embutidos, empanadas,… acompañados de viños da D.O. Ribeira Sacra. Aproveitarase para entregar os agasallos da campaña “Quere o teu mercado”.
O venres, 31 de maio, dende as 20:00h. da tarde terá lugar unha xornada enogastronómica, na que o público asistente poderá degustar viños da D.O Ribeira Sacra con produtos da Praza, que elaborarán retaurantes locais. Contarase coa música en directo do grupo monfortino “Segunda Parte”.
E desde o pasado xoves no Centro do Viño da Ribeira Sacra desenvólvese a campaña Marida Maio. Iniciativa organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) e impulsada pola Deputación de Lugo como encontros enogastronómicos con carácter gratuíto.
Nas próximas xornadas, que serán os días 23 e 30 de maio de 19:30h. a 21:00h. participarán adegas, restaurantes e empresas turísticas para dar a coñecer os seus produtos e servizos. A asistencia é gratuíta, pero é preciso reservar no 982 412 050 ou no 982 404 715 porque a capacidade está limitada a 30 persoas.