21/08/2018 A rúa Cardenal acolle unha nova edición da Feira do libro de Monforte que se inaugurará o día 22 ás 19.00 h. coa actuación da Banda de Gaitas de Monforte e o pregón por conta do escritor Lois Diéguez. Ás 20.30 presentarase Museo Pazo de Tor. Guía Ilustrada, de Fernando Arribas e Antonio Reigosa, con ilustracións de Noemí López.
Na xornada do 23 ás 19.00 h. haberá unha presentación especialmente adicada aos máis novos, O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas de Iago López. Ás 20.00 presentarase Empatía dos gatos de Mónica Sánchez e ás 21.00 Islas Lejanas de Francisco José R. Aldereguia.
O venres 24 ás 12.30 presentarase o libro Os Eidos, de Uxío Novoneyra, segundo título la Biblioteca de Mesopotamia. Rocío López asinará ás 18.00 Nunca fuimos buenos, na caseta de libraría Cortizas e media hora despois, ás 18.30 presentarase Galeguia de Manuel Miragaia. A cita ás 20.00 h. será con Plaqueta: Non teño a culpa de viver, por Teresa Moure e ás 21.00 presentarase Corpo de Antón Lopo.
A última xornada de feira comezará ás 12.00, Finy Sesmonde asinará Gotas de Rocío, copos de nieve, na caseta da libraría Agrasar, repetirá ás 18.00 h. Ás 12.30 celebrarase un obradoiro artístico-técnico a cargo da ilustradora Estefanía Padullés baixo o nome Ilustrando dinosaurios. Ás 19.00 presentarase o poemario Desde que somos tijera y papel de D´ Angelo, do acto participará o ilustrador, Yelko Veiga. O último acto da feira será ás 20.00 coa presentación- recital de poesía e humor de Long Play por Lois Pérez.
Como vén sendo habitual neste tipo de feiras haberá un 10% de desconto no prezo de todos os libros. Participan nesta edición a Deputación de Lugo e as librarías Pedreira, Aenea, Cortizas, Cartabón e Agrasar.