20/11/2019 Monforte prepárase para estrear o seu primeiro albergue turístico, o que vén a completar a oferta de servizos que a nivel hoteleiro ten a cidade. Aos hoteis, pensións e casas de turismo rural, que fan as delicias do visitante, súmase este albergue que se ubica, precisamente, na rúa Santiago, nº 15 da cidade do Cabe.
O Santiago 15 contará con 50 prazas en liteiras pechadas distribuídas en habitacións compartidas en 4 módulos. Contarase con servizo de almorzo tipo buffet e ofertará actividades turísticas ós seus clientes, como visitas pola cidade, rutas de sendeirismo ou ciclismo pola Ribeira Sacra, enoturismo, etc.
Este novo albergue preséntase como aloxamento idóneo para peregrinos, e tamén para grupos organizados, como excursións de escolares ou xuntanzas deportivas.
A cidade recibe cada día máis turistas e visitantes atraídos polos recursos patrimoniais e culturais do Concello e do territorio Ribeira Sacra. Monforte é, ademais, parte fundamental no Camiño de Inverno, ao ser o núcleo desde o que se fan os quilómetros necesarios para obter a Compostela. Polo tanto, recibe moitos peregrinos de paso e peregrinos que inician aquí o traxecto e demandan este tipo de servizo para pernoctar.
Desde o Concello de Monforte confíase no éxito desta iniciativa de carácter privado, que amplía a oferta de servizos turísticos no municipio e anima a outros promotores interesados a levar a cabo iniciativas deste tipo que melloran a oferta de servizos no Concello e promocionan a cidade contribuíndo ao dinamismo económico.