Descubrindo a historia xudea da cidade para coñecer unha cara nova

06/03/2020 Descubre Sefarad é un proxecto da Red de Juderías de España e dos concellos que a integran, que ten por obxectivo convidar á xente para descubrir este pasado xudeu das cidades e territorios. 500 anos que se tentaron borrar, pero dos que se conservan pegadas de patrimonio tanxible.

Dentro do proxecto Descobre Sefarad, unha representación de xornalistas e fotógrafos especializados dalgunhas das revistas, portais dixitais e suplementos de viaxes máis representativas do panorama nacional, visitaba esta semana Monforte e Ribeira Sacra. O obxectivo, que o lector se sinta inspirado a iniciar a viaxe a este destino.

Os medios que tiveron a posibilidade de participar na iniciativa “encaixan moi ben co público que pode conectar co noso produto. Un público nacional que sae da gran cidade a pasar uns días e volve a casa coa sensación de ter aprendido algo. Máis aló de desconectar, comer ben e pasar un bo momento, atopou algo que descoñecía do seu propio país, que creo é importante”, sinala Marta Puig Quixal, Xerente da Red de Juderías de España. “En Monforte é interesante ver como os xudeus conviviron e formaron parte da identidade da cidade, que houbo familias xudías que impulsaron e promoveron a cidade tal e como é hoxe.”

Desde a Red de Juderías de España espérase que a repercusión desta iniciativa, que engloba aos tres municipios que pertencen á Red de Juderías en Galicia, Monforte, Ribadavia e Tui, póidase comprobar durante varios meses, con publicacións semanais en medios nacionais de referencia. “Publicacións de gastronomía, patrimonio, historia,… demos unha semente de interese ou de desenvolvemento para que cada un o enfoque como queira. Así poden dotar de contidos algo que está de moda, que é a cultura xudía do país. Todos os xornalistas aseguraron irse con ganas de volver a cada unha das cidades.”, apunta a xerente da Red.

Monforte como capital da Ribeira Sacra complementa os recursos do seu pasado xudeu. Ofrece un destino onde se conectan as riquezas e propostas do territorio coa influencia do mundo xudeu, que tamén tivo a súa repercusión no viño de Galicia. Segundo apuntan desde a Red de Juderías, os xudeus axudaron con técnicas e mostraron a visión da explotación do viño e da súa exportación.

 

Red de Juderías

 

Conectando á cidadanía coas súas propias pegadas

A Red de Juderías conta entre os seus membros con 6 cidades Patrimonio da Humanidade; se a Ribeira Sacra obtén este recoñecemento, a Red contaría xa con 7 Patrimonios da Humanidade. O proxecto da Red de Juderías de España existe porque as cidades destinan parte do orzamento a esta finalidade.

Monforte de Lemos e as outras 21 cidades que forman parte da Red de Juderías de España destinan parte dos seus orzamentos para manter este proxecto, que comezou buscando conectar cos cidadáns, para que a xente fose consciente de que tiñan un pasado xudeu e despois, preparar para difundir e dar a coñecer ese patrimonio. A Red de Juderías conta coa unanimidade dos implicados para investir nun proxecto que pon en valor o patrimonio da túa cidade.