13/02/2020 O Entroido é unha celebración de gran tradición no concello de Monforte, a comarca de Lemos e en toda a Ribeira Sacra. As principais actividades desenvólvense desde este xoves, 13 de febreiro, co Xoves de Compadres. Segundo a tradición, as mulleres roubaban as roupas dos homes, para nesta xornada vestir aos compadres; unha semana despois, para o Xoves de Comadres, o xoves 20 de febreiro, o proceso sería á inversa.
Na actualidade familias e grupos de amigos preparan os seus compadres e as súas comadres que durante estes dus xoves visten a cidade de colorido, humor e entroido.
Despois do xoves de comadres e o de compadres, Monforte celebra o seu desfile de comparsas e carrozas o Martes de Entroido, o día 25. Nesta xornada a diversión protagoniza a tarde na cidade do Cabe. O desfile xunta cada ano a un milleiro de persoas, pandillas e centros de ensino que levan a música e a festa pola cidade. O desfile sae ás 17.00 horas da Praza da Estación para seguir por Calvo Sotelo e Roberto Baamonde e rematar na explanada da Compañía coa entrega de premios.
O punto e final ao entroido en Monforte farase o mércores de cinsa co Enterro da Sardiña, a cerimonia coa que se anuncia o fin do entroido. O cortexo fúnebre comeza o seu percorrido ás 20 horas dende a Praza de España e culmina tirando a figura simbólica da sardiña ao Cabe, despois das coplas que fan repaso satírico da situación social e política.