28/05/2021 O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presenta en Fitur a campaña “Lugo, la provincia es tu camino”, unha aposta da provincia polas iniciativas baseadas na experiencia, afastadas das masificacións. “Levamos anos traballando nun modelo de turismo sustentable, de calidade e que funciona. É o momento de afianzar os nosos proxectos e seguir apostando por programas deseñados para apoiar e traballar da man do sector, favorecendo o desenvolvemento socioeconómica da provincia, que pon en valor o patrimonio e crea emprego”, insistiu o Presidente e Alcalde de Monforte.
Protagonismo especial tivo o Camiño de Santiago. “A ruta Xacobea atrae un tipo de turismo respectuoso e acorde coa nosa liña de traballo. A nosa provincia é moi rica en rutas peregrinas e por iso subliñamos a importancia dos itinerarios que atravesan os nosos concellos”. Pola provincia de Lugo transcorren tres rutas declaradas Patrimonio Mundial da Humanidade: trátase do Camiño do Norte, o Camiño Primitivo e o Camiño Francés. Ademais, polo sur da provincia pasa outro itinerario oficial: o Camiño de Inverno. “O Camiño é unha oportunidade para coñecer o patrimonio histórico, cultural, natural e gastronómico da nosa provincia de Lugo, pero tamén amosa como somos a veciñanza da provincia, xente amable e acolledora”, sinalou o Presidente.
A presentación dentro da campaña “Lugo, la provincia es tu camino” serviu tamén para achegar a Fitur a crecente potencialidade da Ribeira Sacra e de Monforte de Lemos como destinos turísticos en auxe, mentres agardan saber se Ribeira Sacra será este ano declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. En Fitur repasouse a oferta turística do concello de Monforte co conxunto de San Vicente, que alberga a icónica Torre da Homenaxe ou o Parador de Turismo, pasando polo Casco Histórico declarado Ben de Interese Cultural en 1973, os Escolapios, os museos da cidade, ou o Miradoiro do Duque con toda a oferta gastronómica, vinícola e de eventos como a Feira Medieval, o Festival do Viño ou as Festas Patronais.
O Alcalde de Monforte, tamén asistiu en Fitur á presentación das etapas que acollerá Galicia da Vuelta Ciclista a España, e na que Monforte de Lemos será final de etapa o 3 de setembro; e mantivo reunións cos responsables da Asociación Castillos y Palacios de España e da Red de Juderías de España, ás que pertence o Concello de Monforte de Lemos.