En marcha a Ruta Fluvial Canón do Sil

24/03/2025 A Deputación de Lugo vén de abrir a tempada 2025 das rutas fluviais da Ribeira Sacra, unha das ofertas turísticas máis destacadas da provincia, cunha gran expectación e un incremento do 22% nas reservas respecto ao mesmo período do ano pasado. As Rutas Fluviais ofrecen un modelo de turismo sostible desestacionalizando a demanda e potenciando o desenvolvemento económico en todas as comarcas da provincia, sendo un motor económico fundamental para a comarca da Ribeira Sacra.

As persoas interesadas en realizar as rutas poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es

Na nova tempada manteranse os dous percorridos: a Ruta Fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e que transita polo río Miño, cunha duración aproximada de 2 horas. 

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 53 no monocasco Canón do Sil. Neste mes haberá rutas do 29 e 30, en horario de mañá de 11:30 horas e 16:00 horas. 

En abril, con motivo da Semana Santa, haberá servizo ininterrompido do luns 14 ao domingo 16, operando nas dúas rutas do Mencía, en horario de 11:30 horas e 17:00 horas; e o Canón 11:00 horas a 16:30 horas. O resto do mes, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canón do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana. 

En maio, a ruta estará dispoñible de mércores a domingo, con saídas ás 11:30 e 16:30 de luns a venres as fins de semana; e a ponte do 1 de maio pola festividade do Traballo, as saídas serán ás 11:30 e 17:00 para Mencía, e ás 11:00 e 16:30 para o Canón do Sil.

Durante o mes de xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana.