A fin de semana no Festival do Viño

 

05/07/2018 O Festival do Viño da Ribeira Sacra abrirase o sábado coa ViñoRuta do Miño, “Camiñando entre viñas” que sairá ás 9.30 do Parque dos Condes. @s participantes visitarán unha adega no Cabo do Mundo na que terán cata comentada e achegaranse ao viñedo, coñecerán tamén o Pazo de Arxeriz, a igrexa románica de San Miguel de Eiré e outra adega en Siós para pechar a ViñoRuta no Paseo do Malecón, esceario principal do festival cos stands das adegas. Stands que abrirán ás 11.30 h. Entre as 12.00 h. e as 14.00 h. desenvolverase un obradoiro de olería tradicional de Gundivós.

Ás 16.30 h. péchanse as ViñoRutas coa ViñoRuta do Sil “Sentindo Ribeira Sacra”. A actividade comezará con visita a un miradoiro en Doade onde se iniciará o percorrido entre viñedos no tren Aba Sacra. Coñecerán tamén unha adega e o Centro Oleiro de Gundivós, para regresar ao Paseo do Malecón en Monforte. Neste esceario entre as 18.00 e as 20.00 desenvolveranse diferentes obradoiros infantís, que se volverán a repetir entre as 12.00 h. e as 14.00 h. do domingo.

Os concertos do sábado serán Davide Salvado e Pedro Pascual ás 22.30 h. e A Banda da Loba ás 00.00 h. Durante toda a fin de semana contarase con stands de gastronomía como complemento aos de viño. A apertura dos stands o domingo farase novamente ás 11.30 h., para ás 13.00 h. celebrar o acto de clausura.

 Visita a web do Festival do Viño