O Concello organiza un Campamento de Nadal para os máis cativos

Pilar López dixo que o obxectivo principal do Campamento era facilitar a conciliación da vida laboral e familiar dos proxenitores durante o período de vacacións, destacando o feito de que se conte cunha empresa monfortina para levar a cabo as diferentes actividades que recolle o amplo programa do citado Campamento de Nadal.

 

A concelleira de cultura dixo que o Campamento ten un compoñente lúdico polos xogos e actividades que se realizarán, e outro bilingüe porque se potenciará a aprendizaxe do inglés mediante xogos e cunha monitora nativa.

 

Pilar López comentou que o Campamento conta con 80 prazas e que a inscrición, cun custo de 65 euros, debe realizarse na Oficina Municipal de Xuventude, nas Casiñas da Compañía, ata o día 16 de decembro.

 

A responsable de “Trasnadas Animación” dixo que se formarían catro grupos de idade con cadanseu monitor e que, como reforzo, habería outros tres monitores máis  para levar a cabo as actividades programadas.

 

Miriam Palmón comentou que os obradoiros e actividades que se realizarán no Campamento inciden en valores fundamentais como a igualdade, o respecto ó medio ambiente, a coeducación, a compra responsable, ou a educación vial. Salientou que se pretende que os nenos e nenas aprendan inglés nun contexto lúdico e divertido, polo que moitas actividades faranse neste idioma.

 

O Campamento contará con actividades manuais e lúdico educativas, música e xogos modernos e tradicionais, así como unha actividade deportiva diaria.

 

O programa completo de actividades poden velo no documento adxunto.