O Concello aportará 20.000 euros a Cáritas para axudar ós máis desfavorecidos

Severino Rodríguez e Pilar López reuníronse con integrantes de Cáritas para coñecer as necesidades deste colectivo no labor que desenvolven coas persoas máis desfavorecidas da sociedade monfortina, e para explicarlles as propostas do Concello destinadas a incrementar a súa colaboración con eles.

 

Severino Rodríguez faloulles da preocupación do goberno municipal pola actual situación que viven moitas familias monfortinas, explicándolles que hai cidadáns que tamén se achegan ó Concello procurando solucións para o drama que están padecendo. O Alcalde explicou os esforzos que realiza o Concello para paliar esta situación, destinando importantes sumas de diñeiro para a emerxencia social  ou para axudas na compra de material escolar ás familias máis necesitadas.

 

O Alcalde presentoulle ós integrantes de Cáritas catro propostas encamiñadas a facilitar o seu traballo social e a contribuír económicamente co seu labor. A primeira delas referíase á sinatura dun convenio mediante o que o Concello aportara a Cáritas 20.000 euros co obxecto de que se utilicen para cubrir as necesidades básicas da poboación desfavorecida. A segunda planteaba que o Concello exercera como interlocutor entre Cáritas, o comercio da cidade e as grandes superficies, para atopar vías de colaboración que desemboquen na achega de alimentos a este colectivo. A terceira foi o compromiso do alcalde de xestionar a disponibilidade dun local céntrico que poida ser utilizado por Cáritas como almacén. A cuarta proposta do rexedor foi a de ofrecer un espazo na páxina web do Concello onde se informe sobre o labor de Cáritas, as súas instalacións e horarios de atención á cidadanía, as campañas que desenvolven, etc…, coa intención de dar maior visibilidade ás súas accións e de fomentar o espíritu solidario da cidadanía.

 

Os integrantes de Cáritas acolleron de bo grao as propostas do Alcalde, aínda que expresaron o seu desexo de estudar a oferta referente á páxina web municipal.

 

Ademais destas cuestións, os integrantes de Cáritas solicitáronlle ó Alcalde o arreglo dos accesos ó seu local, xa que actualmente ofrecen dificultade para as persoas maiores e discapacitadas, así como a utilización dun vehículo municipal para realizar o traslado de diverso material ós seus almacéns. Peticións que foron inmediatamente asumidas por Severino Rodríguez.

 

Dende os servizos sociais do Concello tamén se propuxo establecer unha maior coordinación con Cáritas para aproveitar mellor os recursos existentes e cubrir as necesidades básicas de toda a poboación desfavorecida.

 

Dende Cáritas valoraron de xeito moi positivo as propostas do Concello e amosaron o seu desexo de que sexan un acicate para que outros colectivos aposten pola solidariedade.

 

Ademais de Severino Rodríguez e Pilar López, por parte do Concello asistíu á reunión Belén Gómez, coordinadora dos servizos sociais municipais, e por parte de Cáritas, Sergio Fernández (presidente de Cáritas Monforte e párroco da Estación), Manuel Vázquez (párroco de Santo Antón), Antón Negro (colaborador da parroquia de San Vicente), Rafael Mella (párroco da Régoa e San Vicente), Marina Pérez (de Cáritas San Vicente), Mª José Sánchez (de Cáritas da Estación), Mª Rosa Freire (de Cáritas Interparroquial), e Pilar Salgueiro (asistente social de Cáritas).