Un paso máis na promoción do emprego e do fomento empresarial

O goberno municipal de Monforte, na Xunta de Goberno Local que se celebrará o vindeiro xoves, dará o visto e prace a solicitude da subvención para a contratación dun/dunha orientador/a laboral, en base á orde da Consellería de Traballo e Benestar do 30 de decembro de 2011, publicada no DOG o 11/01/2012.

 

O Concello agarda que a Xunta de Galicia teña a ben conceder a subvención que   solicita, tendo en conta que cumpre os requisitos esixidos, entre eles e lamentablemente, ter unha bolsa de desempregados superior a 500 persoas.

 

O orientador/a laboral sumaríase ó Axente de Emprego e Desenvolvemento Local que, dende fins de decembro do 2011, presta os seus servizos nas oficinas situadas nas Casiñas da Compañía. A intención do goberno municipal é dispoñer dunha oficina dedicada enteiramente ó emprego, onde un equipo humano aborde a creación de postos de traballo e a promoción empresarial dende tódolas frontes posibles.

 

A solicitude desta subvención para a contratación dun/dunha orientador/a laboral tratará de melloralas posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Galicia.

 

Conforme a esta subvención serán subvencionadas aquelas actuacións e medidas de información, acompañamento, motivación e asesoramento que, tendo en conta as circunstancias persoais e profesionais da persoa beneficiaria, lle permitan determinar as súas capacidades e intereses e xestionar a súa traxectoria individual de aprendizaxe, a busca de emprego ou a posta en práctica de iniciativas empresariais.

 

En concreto, os cometidos do orientador/a laboral serán:

 

a) A elaboración de diagnoses individualizadas sobre o perfil, as necesidades e as expectativas das persoas demandantes de emprego mediante entrevistas personalizadas, para poderen atopar ou manter un emprego ou accederen a un novo.

 

b) A información sobre o mercado de traballo e os incentivos e medios dispoñibles para o fomento da contratación e o apoio ás iniciativas emprendedoras.

 

c) O deseño, elaboración e realización de itinerarios individuais e personalizados de emprego para as persoas desempregadas, a través de información e orientación profesional para o emprego e o autoemprego, procurando a mellora da súa cualificación profesional e da súa empregabilidade.

 

d) Manter contactos coas empresas co obxecto de difundir información sobre as súas iniciativas para facilitar a inserción laboral realizando, así mesmo, unha prospección das necesidades das empresas e o casamento entre as ofertas e demandas de emprego e favorecendo o achegamento entre as necesidades das empresas e as posibles persoas candidatas.

 

e) A información e orientación sobre o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas pola experiencia laboral para as persoas demandantes de emprego mediante a acreditación oficial da súa cualificación a través de certificados de profesionalidade.

 

f) A información e o asesoramento ás persoas demandantes de emprego sobre a oferta de accións de formación profesional para o emprego, con acreditación oficial a través do repertorio de certificados de profesionalidade cando estean vinculadas ao catálogo nacional de cualificacións, así como dos títulos de formación profesional.

 

Actualmente, as persoas interesadas en recibir información sobre a posta en marcha de iniciativas empresariais, subvencións, cursos ou ofertas de emprego, poden contactar co Axente de Emprego e Desenvolvemento Local (AEDL) na súa oficina, ou ben chamando ó teléfono 982 884 775 ou na dirección de correo electrónico emprego_pe@concellodemonforte.com

 

O principal obxectivo do AEDL é a promoción económica local e o impulso de proxectos empresariais e de iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no Concello.

 

A pretensión do goberno municipal é que esta oficina sexa un punto de referencia para tódalas persoas que desexen poñer en marcha un proxecto empresarial.

  

Archivos Adjuntos: