A concelleira de educación, Pilar López, reuniuse con representantes da práctica totalidade dos centros de ensino da cidade para falar dun aspecto negativo que nos derradeiros anos está presente na celebración do entroido monfortino
Á marxe de calquera tradición, que son abundantes e fermosas na nosa comarca, nos últimos anos púxose de “moda” o lanzamento de alimentos entre grupos de mozos e mozas, especialmente ovos e fariña.
Dende o Concello considérase que esta práctica nada ten que ver coas nosas celebracións do entroido e que, ademais, non pode ser aplaudida cando hai moitas persoas que pasan serias dificultades para alimentar ás súas familias.
Pilar Lópezreclamou a colaboración dos centros de ensino para buscar solucións ante unha práctica nada solidaria e que entorpece a convivencia cidadá. A concelleira de educación propuxo a realización de charlas informativas co obxecto de concienciar á mocidade sobre a difícil situación que atravesan moitas familias e á necesidade de facerlle fronte mediante o exercicio da solidariedade. Estas charlas, nas que participarán traballadoras dos servizos sociais municipais, estarán dirixidas a todo o alumnado a partires de quinto curso de primaria. Os representantes dos centros educativos acolleron de bo grao esta iniciativa e comprometéronse a reforzala mediante charlas específicas en cada unha das aulas dos seus respectivos centros.
Outra das propostas foi a distribución pola cidade e polos centros de ensino dun bando municipal no que se alude ó espírito do entroido, rexeitando as actuacións que nada teñen que ver con el. Este bando, xunto cunha carta explicando a situación e advertindo sobre a posibilidade de sancionar a quen lance alimentos na rúa, tamén se enviará ós pais e nais destes alumnos/as.
Durante as datas do entroido o Concello incrementará a vixilancia nas rúas para evitar que estas prácticas se leven a cabo, aínda no convencemento de que a maneira máis axeitada para combater este desatino pasa pola educación e a concienciación da mocidade. De tódolos xeitos, lémbrase que a Ordenanza Municipal de Medio Ambiente recolle as sancións que poden impoñerse por non manter a limpeza e ornato dos espazos públicos.
A máxima na que se baseará esta campaña de concienciación pode resumirse nunha frase, “no entroido pásao ben facendo o ben”.