Samuel Perea e Victor Gloger achegan a Monforte a gastronomía sefardí

O malagueño Samuel Perea e o israelí Victor Gloger, fundadores da ONG “Cocina por la Paz”, fixeron unha demostración de cociña sefardí no Parador de Monforte de Lemos, nunha sesión á que asistiron oito cociñeiros/as de establecementos hoteleiros da cidade.

 

Victor Gloger e Samuel Perea, despois da súa exitosa participación no Fórum Gastronómico que se celebra en Compostela, impartiron en Monforte un obradoiro de cociña activa no que fixeron un percorrido polos sabores da cociña sefardí. Esta experiencia, promovida pola rede de Xuderías – Camiño de Sefarad, tiña como obxectivo familiarizar ós/ás profesionais monfortinos con este tipo de cociña coa finalidade de innovar e enriquecer as cartas dos seus establecementos.

 

Na súa intervención no Parador de Monforte os chefs Gloger e Perea prepararon diversos pratos inspirados na cociña das antigas comunidades hebreas da península, aínda que aliñados cun toque de modernidade. Tortilla de cus cus con chibo mamote, tajim de peixe, molturada de aceitunas verdes, e xemas recheas de redución de chocolate e Pedro Ximenez, foron algúns dos manxares elaborados polos dous afamados cociñeiros.

 

O obradoiro está vinculado ó programa RASGO que impulsan as 23 cidades da Rede de Xuderías de España da que forma parte Monforte. RASGO é un programa de excelencia dos servizos e produtos turísticos que ofrecen as xuderías para potenciar un turismo cultural de calidade baseado no legado sefardí.

 

RASGOfai referencia a actuacións para cubrir as necesidades básicas de todo viaxeiro: Restauración, Aloxamento, Sinalización, Guías, e Oferta Cultural.

  

Archivos Adjuntos: