Instalación de “sanecáns” e campaña sobre recollida de excrementos caninos

O concelleiro de servizos municipais, Xosé Lois Rodríguez Rivera, acompañado polo xefe de servizo da empresa FCC, Enrique López, e polo técnico municipal de medio ambiente, Juan Carlos Prado, anunciou a colocación de “sanecáns” en diversas zonas da cidade e o inicio dunha campaña de concienciación sobre a recollida de excrementos caninos.

 

Rodríguez Rivera dixo que se instalarían un total de dez “sanecáns”, tal e como estaba recollido no contrato de concesión do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, naqueles lugares e rúas onde os operarios do servizo de limpeza teñen detectado unha maior presenza de excrementos caninos.

 

Os “sanecáns”, que se instalarán entre os días 21 e 23 de maio, dispoñerán dun servizo de bolsas para a recollida dos excrementos. As rúas e lugares onde se poñerán os “sanecáns” son: Malecón, paseo do río na zona de Santa Clara, praza do Concello, Curros Enríquez intersección Dr. Casares, zona do parque dos Condes, praza da Estación, Calvo Sotelo, avenida de Galicia, Eduardo Pondal, e Otero Pedrayo.

 

O concelleiro de servizos municipais incidiu en que, ademais destes dez “sanecáns” a cidade conta con 523 papeleiras onde poder depositar os excrementos das mascotas, e en que os propietarios/as de cans teñen a obriga de levar bolsas para recoller as deposicións cada vez que os saquen a pasear.

 

Rodríguez Rivera tamén falou da campaña informativa que se levará a cabo co obxecto de concienciar á cidadanía sobre o obrigatorio comportamento que implica recoller as deposicións das mascotas, algo que “hai cidadáns que si o fan, fronte a outros que non actúan de xeito cívico”, segundo comentou.

 

A campaña informativa realizarase en tres eidos, medios de comunicación, colexios de primaria, e a pé de rúa. Por unha banda, publicaranse anuncios nos xornais durante os meses de maio e xuño, coa intención de concienciar á cidadanía sobre a maneira cívica e correcta de proceder cos excrementos das nosas mascotas.

 

En canto á campaña de difusión e concienciación nos colexios de primaria, distribuiranse carteis, bolsas para a recollida e folletos informativos, ó tempo que se impartirán charlas sobre o coidado das mascotas e a súa hixiene, e sobre o perigo dos excrementos. As charlas impartiranas, entre os días 28 de maio e 1 de xuño, unha profesional da clínica veterinaria Canis, e o técnico de medio ambiente.

 

A campaña a pé de rúa supoñerá a instalación dun posto informativo na rúa Cardeal, no que se distribuirán folletos e bolsas para a recollida de excrementos e se dará conta da colocación dos “sanecáns”.

 

O concelleiro de servizos municipais indicou que existe unha ordenanza municipal que permite á policía local impoñer sancións ás persoas que fagan caso omiso da mesma. Rodríguez Rivera sinalou que “non é obxectivo do Concello utilizar as sancións como elemento coercitivo, senón que o obxectivo é lograr a concienciación da cidadanía respecto das normas cívicas e de convivencia que benefician a todos/as”.