A concelleira de Promoción Económica, Mª Xosé Vega, e o arquitecto Javier López Ramudo, presentaron o proxecto de obradoiro de emprego que solicitará o Concello á consellería de Traballo da Xunta de Galicia.
Este obradoiro centrará as súas actuacións na recuperación do parque Zapardiel e nos restos castrexos que alí se atoparon, ademáis de continuar co enlousado da rúa Santa Clara.
Mª Xosé Vega explicou que a nova orde de concesión de obradoiros limita a duración dos mesmos a seis meses, primando aquelas actuacións relacionadas co patrimonio histórico e natural. A concelleira subliñou que se actuará nunha zona na que tivo as súas orixes Monforte, coa intención de poñer en valor e dar a coñecer os restos arqueolóxicos facendoos visitables.
O arquitecto responsable do proxecto explicou o cometido de cada un dos módulos do obradoiro, anunciando que o proxecto tamén incluiría a construción dun miradoiro en madeira, na parte alta do monte, e varias zonas de descanso, así como paneis informativos sobre os restos arqueolóxicos e sobre a riqueza natural do parque. Javier López Ramudo e Mª Xosé Vega incidiron en que o proxecto manterase vivo durante a súa execución, sempre pendentes da opinión do arqueólogo e dos posibles restos castrexos que poidan aparecer. A intención é construír pasarelas de madeira arredor destes restos, para que poidan verse sen que sufran danos de ningún tipo.
O Parque Zapardiel está situado na ladeira noreste do monte de San Vicente, moi próximo o conxunto monumental de San Vicente do Pino. Encóntrase incluído no conxunto artístico monumental da cidade de Monforte de Lemos. Este parque foi obxecto de actuacións anos atrás, actuacións que non foron complementadas por varias causas. Por estes motivos este precioso parque está na actualidade prácticamente sen uso e invadido polas malas herbas.
Con este obradoiro de emprego perséguese recuperalo para o seu uso e goce por parte da cidadanía e dos visitantes.
Un dos motivos polo que as obras non continuaron foi a aparición dun xacemento con restos castrexos, o que impediu a realización de actuacións que implicasen movementos de terras e que poderían destruir ditos restos.
Co proxecto presentado preténdese poñer en valor eses restos castrexos como un novo atractivo do parque e da cidade. Descubrilos e planificar uns recorridos ó seu arredor é o eixo sobre o que se desenvolve o obradoiro.
Xunto con esa recuperación preténdese realizar as obras de xardinería necesarias para lograr que o parque recupere o seu esplendor.
Recuperaranse varios camiños secundarios que enlazarán coas visitas ós restos castrexos, varios deses camiños realizaranse en lousas de granito e outros en madeira.
Equiparase o parque mediante a creación de elementos de mobiliario urbano realizado en madeira.
Xunto coa recuperación do parque Zapardiel plantease a continuación do enlousado da rúa Santa Clara, tamén incluída no casco histórico da cidade.
Tal e como se expuxo na análise das sondaxes arqueolóxicas realizadas no Parque Zapardiel, a existencia dun hábitat castrexo aporta un valor sen precedentes que o converte nun complemento imprescindible para a divulgación do conxunto histórico da cidade de Monforte de Lemos.
Estes restos castrexos van ser a base da intervención no Parque Zapardiel, debendo converterse na pedra angular do seu desenolvemento. Os seus recorridos, os contidos dos paneis informativos e a búsqueda do reencontro coa nosa historia, deben estar presentes en todo o parque e teñen que ser un referente para a cidadanía e para as persoas que nos visiten, co obxecto de que coñezan o parque Zapardiel e lle dean a vida social que hoxe non ten.
Estas intervencións, que poñerán en valor o parque Zapardiel, realizaránse co alumnado do obradoiro de emprego que incluirá tres módulos de oficios:
- COLOCACIÓN DE PEDRA NATURAL (10 alumnos/as)
- INSTALACIÓN E MANTEMENTO DE XARDÍNS E ZONAS VERDES (8 alumnos/as)
- INSTALACIÓN DE ELEMENTOS DE CARPINTERÍA (10 alumnos/as)