A Festa da Xudería e o Mercado do Pan centran a oferta lúdica da fin de semana

A concelleira de Promoción Económica, María Xosé Vega, presentou a Festa da Xudería e o Mercado do Pan, Empanadas e Doces Tradicionais que se celebraran esta fin de semana no burgo medieval de Monforte e no espazo expositivo da Praza de Abastos.

 

Mª Xosé Vega dixo que a Festa enmarcábase dentro dos actos cos que a Rede de Xuderías celebra a XIII Xornada Europea da Cultura Xudía. A concelleira subliñou que era unha boa oportunidade para coñecer unha zona da cidade recentemente rehabilitada pero pouco visitada.

 

 A concelleira comentou que a xudería é un atractivo turístico que hai que explotar e que só Ribadavia e Monforte contan con xuderías recoñecidas en Galicia, polo cal hai que aproveitar este produto turístico diferente.

 

Mª Xose Vega dixo que a Festa chega á súa cuarta edición, agradecendo a “excelente” colaboración da veciñanza do burgo medieval. A xornada desenvolverase entre as 10:00 e as 22:00 h. deste sábado día 1 de setembro nas rúas Falagueira e Pescaderías, ofrecendo 12 horas ininterrompidas de festa. Haberá nove artesáns que farán demostracións de xoiería, téxtil e vidro, oficios vinculados á xudería, así como dous bares que ofrecerán bebidas e tapas (en documento adxunto poden consultar o plano coa situación dos postos).

 

Outro aspecto da celebración serán as visitas guiadas á xudería, actividade que tivo unha gran aceptación na edición do pasado ano.

 

Na praza de España instalarase un punto de información sobre a Festa da Xudería e sobre o Mercado do Pan, Empanadas e Doces Tradicionais que se desenvolverá o sábado e o domingo na Praza de Abastos.

 

En canto ó Mercado, Mª Xosé Vega indicou que se fixera coincidir coa Festa da Xudería porque ambas actividades compleméntanse e benefícianse mutuamente. A concelleira comentou que o Mercado do Pan abrirá o sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e o domingo en horario matinal, de 10:00 a 14:00.

 

Vega Buján dixo que no Mercado habería sete postos de panadería e repostería e un posto no que se ofrecerá información sobre o propio Mercado, a Xudería e os atractivos turísticos da cidade. A concelleira de Promoción Económica comentou que o sábado era un día complicado para as panaderías, e que houbera cinco establecementos ós que lle gustaría ter participado pero que non poden facelo pola carga de traballo que teñen nesa xornada.

 

Mª Xosé Vega salientou a gran receptividade das panaderías para participar neste Mercado no que haberá postos de venda das panaderías La Luna, Moure, Salomé, Tarrazo, panadería de Caneda, doces de Cafés Conti e rosca de Sober.

 

Archivos Adjuntos: