O orzamento municipal prioriza os servizos públicos e a promoción económica

O alcalde, Severino Rodríguez, e a concelleira de Facenda, Mª Xosé Vega, presentaron os orzamentos do Concello para o ano 2012, presupostos que entregaron con anterioridade ós grupos da oposición e que serán debatidos pola Corporación Municipal o venres día 7 de setembro.

 

O presuposto ascende a 11.448.211 euros, o que supón unha diminución do 2,66 % con respecto ós presentados no ano 2011.

 

Severino Rodríguez comentou que se trataba dun orzamento elaborado nunha situación de” crise extrema” e que as contas reflectían unha redución importante das aportacións da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado. O Alcalde subliñou que “hai menos recursos e máis peticións de axuda, o que incrementa as dificultades para prestar servizos”.

 

A pesares da situación, o rexedor salientou que con estes orzamentos “mantemos tódolos servizos e garantimos a totalidade dos postos de traballo existentes a día de hoxe”. Severino Rodríguez tamén destacou que o goberno municipal amplía o apoio ás persoas máis necesitadas, asinando convenios con Cáritas e o Fogar San Xosé e incrementando o gasto en servizos socias.

 

O rexedor monfortino dixo que o seu goberno non comparte nin practica a política de recortes dos dereitos e dos servizos básicos, política negativa para a cidade e a cidadanía, e que para conseguilo “realizamos un esforzo na xestión e un maior control do gasto, e contamos co compromiso e o esforzo dos traballadores do Concello”.

 

Segundo comentou o Alcalde, o orzamento reduce o gasto corriente en 311.000 euros, tal e como figuraba no Plan de Axuste aprobado por Madrid, mediante o aforro enerxético e a amortización de oito prazas que non estaban cubertas. Severino Rodríguez tamén dixo que nos presupostos “apostamos pola promoción económica centrada no comercio e o turismo, incentivamos a creación de emprego con axudas para empresas que se instalen no polígono e coa posta en marcha dun obradoiro de emprego, promocionamos a cidade como capital da Ribeira Sacra e centro de negocios, comercial e turístico”.

 

O Alcalde tamén destacou a eficacia e responsabilidade do Concello nos pagos a provedores, algo que achacou “á boa xestión realizada dende o ano 2003” (en documentos adxuntos Severino Rodríguez e Mª Xosé Vega explican as liñas máis destacadas do orzamento).

 

A concelleira de Facenda dixo que a cifra do orzamento incrementábase en 583.000 euros, correspondentes á operación de crédito do Plan de Axuste para pagar facturas de anos anteriores, cantidade que polo tanto non se destinará a gastos e servizos.

 

Mª Xosé Vega tamén destacou que a cifra final sufrirá variacións porque “a Deputación de Lugo ten comprometido financiamento que aínda non está documentado e que, polo tanto, non pode aparecer no orzamento”. A concelleira destacou o apoio económico do organismo provincial en contraposición á redución nas aportacións da Xunta e do Estado.

 

A responsable da facenda municipal xustificou a tardanza en presentar as contas nuns momentos de dificultade económica, ó tempo que destacou o esforzo realizado para manter servizos que non deben suprimirse en tempos de crise.

 

Mª Xosé Vega dixo que “os servizos sociais reciben a segunda aportación máis importante dos orzamentos con 1.225.000 euros, seguido de promoción económica con 575.000 euros”.

 

A concelleira de facenda salientou que hai un imposto que sobe moito, o IBI, co que se recadarán 500.000 euros máis que no pasado exercicio, aclarando que este incremento débese a unha decisión do Goberno do Estado. Tamén dixo que os impostos municipais supoñen un incremento de 196.000 euros debido, na maior parte dos casos, ó incremento do IPC.

 

A pesares do aumento na recadación o orzamento rdúcese nun 2,66 % por mor da drástica redución das aportacións da Xunta e do Estado, segundo manifestou a concelleira.

 

Vega Buján apuntou que o orzamento tamén recolle a paga extra dos traballadores porque o Concello ten a obriga de reter ese diñeiro á espera de que o Estado diga o que se fai con el, polo que dixo “é falso o que di o PP de que non temos diñeiro para pagar a extra”. A este respecto manifestou que “a totalidade dos secretarios municipais consultados afirman que non se poderá pagar a extra de decembro e que tampouco se pode buscar un mecanismo compensatorio”.

 

O Alcalde e a concelleira de Facenda cualificaron o orzamento como “digno e axeitado á realidade, centrado nas persoas e no despegue económico, mantendo a totalidade dos postos de traballo e os servizos públicos, reforzando aqueles que afectan ás persoas máis necesitadas”.