O Concello inicia unha campaña de empadroamento baixo o lema “Cénsate, contigo en Monforte somos máis”

O Alcalde presentou a campaña destinada a incrementar o empadroamento de cidadáns residentes. Actualmente están empadroados en Monforte 19.750 habitantes, segundo os datos do Concello a día de hoxe, e 19.622 segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) a 1 de xaneiro do 2011 (derradeiro censo aprobado polo INE), mais son moitas as persoas que vivindo en Monforte aínda non están empadroadas no Concello, razón pola que o goberno municipal iniciará unha campaña de sensibilización sobre a importancia de empadroarse no municipio.

 

A primeira acción encamiñada a lograr este obxectivo desenvolveuse o día 19 de xuño na explanada da Compañía, onde se realizou unha fotografía grupal de tódolos cidadáns que alí se achegaron.

 

Severino Rodríguez dixo que a campaña xirará sobre dous lemas, “Cénsate, contigo en Monforte somos máis” e “Ser máis para ser máis fortes”.

 

O rexedor comentou que, segundo o INE, Monforte é a única poboación da comarca que medra en poboación dende o ano 2007, pero que o Concello ten datos que corroboran que hai moitas persoas que viven en Monforte pero non están censadas.

 

A campaña de empadroamento que promove o Concello ten dous obxectivos:

 

-Incrementar as persoas censadas para contar con máis recursos e conómicos e con mellores servizos.

 

-Redefinir os servizos de maneira máis eficaz e acorde coa realidade poboacional.

 

O Alcalde destacou que superar a barreira dos 20.000 habitantes non é unha obsesión pero que, no caso de logralo, o Concello ascendería un peldaño que o levaría a ingresar entre 350 e 400.000 euros ó ano.

 

Segundo Severino Rodríguez, que Monforte medre é un síntoma da vitalidade da cidade pero tamén un reto. O crecemento de poboación é unha riqueza (novos consumidores e un mercado máis amplo) pero tamén é un desafío porque os novos monfortinos precisan de máis servizos para atender as súas demandas. O Concello aposta pola calidade de vida e o desenvolvemento dos servizos públicos, salientou o rexedor.

 

O Alcalde apostou por poñer en valor realidades positivas de Monforte, salientando que “é a segunda capital da provincia, a capital da Ribeira Sacra, cabeceira comarcal, centro económico, comercial e de servizos, é o gran centro educativo de referencia con colexios, institutos e a UNED, centro turístico e futuro nodo loxístico de transporte ferroviario”.

 

Monforte, dixo o Alcalde, debe ter unha “nova posición e nova disposición para saír da crise, afianzando a súa posición estratéxica nos eidos do turismo e dos servizos, ó tempo que nos esforzamos por ser o nodo ferroviario de mercadorías”. Para lograr estes obxectivos o rexedor monfortino considera imprescindible “unha mellor disposición das administracións respecto de Monforte, especialmente da Xunta de Galicia, e que as persoas que viven no municipio estean censadas nel”.

 

O «capital humano» é decisivo para mobilizar a economía, o inmobilismo é suicida, comentou o Alcalde, engadindo “fronte ós recortes nos propoñemos crecemento”.

 

A campaña centrarase nun esforzo informativo e publicitario encamiñado a sensibilizar á cidadanía sobre o seu empadroamento en Monforte, para o cal durante os próximos tres meses levaranse a cabo as seguintes actuacións:

 

-Colocación de tres lonas de 10x4 m. nas rúas Roberto Baamonde e San Pedro, e á entrada ó estacionamento do parque dos Condes.

 

-Dstribución de chapas e dípticos informativos sobre o proceso de empadroamento.

 

-Campaña pulicitaria nos medios de comuncación coa participación de persoeiros monfortinos e colectivos sociais.

 

-Traballo porta a porta para revisar datos de empadroamento que poidan ser incorrectos (motivo polo que teñen causado baixa no padrón).

 

-Traballo específico co colectivo de inmigrantes.

 

-Campaña nos centros de ensino e nas empresas en favor do empadroamento das persoas que alí traballan.

 

-Mesas informativas sobre a campaña en tódolos barrios da cidade.

 

-Runións informativas nas parroqias do Concello.

 

Severino Rodríguez dixo que o INE é moi estricto cos datos que recibe e que calquera erro, por pequeno que sexa, provoca a exclusión inmediata do padrón.

 

O Alcalde salientou que esta campaña non suporá gasto económico para o Concello, xa que os aproximadamene 12.000 euros que custa serán financiados polo Eixo Atlántico e por un grupo de empresas afincadas en Monforte, que son as que figuran nas lonas publicitarias e nos dípticos informativos.

 

Segundo as previsións que manexa o goberno local, a revisión dos datos de empadroamento poden representar a incorporación ó padrón de entre 150 e 200 persoas, o traballo específico con inmigantes regularizados podería supoñer unha cifra similar, e o achegamento da campaña ós centros de traballo podería representar a incorporación dunhas 200 persoas ó padrón de habitantes.