A concelleira de Facenda comunicou que o prazo de solicitude de subvencións municipais destinadas a un amplo abano de asociacións e ás festas dos barrios e parroquias estará aberto ata o dia 13 de novembro.
O obxecto da presente convocatoria pública é regular a concesión de axudas económicas a entidades e asociacións sen ánimo de lucro, constituídas legalmente e inscritas no Rexistro de Asociacións do Concello de Monforte de Lemos, sempre que cumpran os requisitos que se indican nas Bases.
A finalidade desta convocatoria de subvencións é contribuír ó financiamento de programas, proxectos ou actividades levadas a cabo por entidades ou asociacións sen ánimo de lucro no Concello de Monforte de Lemos.
As subvencións previstas na presente convocatoria están debidamente consignadas no orzamento municipal para o ano 2012, destinándose para as mesmas un crédito máximo de 9.500 euros.
A contía de cada subvención non poderá superar a cantidade de 1.500 euros, nin o 70% do investimento subvencionable. As axudas terán carácter único e non acumulativo.
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as asociacións legalmente constituídas que desenvolvan actividades de interese xeral para o municipio, xa sexan de caracter cultural, veciñal, popular, profesional, lúdico ou recreativo, quedando excluídas as asociacións e entidades deportivas. No ano 2011 foron 21 as asociacións de diversa índole que recibiron axudas municipais.
Por outra banda tamén poderán solicitar subvencións tódalas parroquias e barrios do Concello de Monforte de Lemos que promovan festas populares, actuando como representantes os organizadores das mesmas.
O importe de cada subvención non poderá superar os 315 € no caso de festas parroquiais, e os 910 € no caso de barrios da cidade, en todo caso a subvención será proporcional ó numero de solicitudes presentadas e aceptadas. As axudas reguladas nestas bases terán carácter único e non acumulativo.
O importe máximo a subvencionar será de 11.830 €.
No caso de que o numero de solicitudes sexa superior ó importe establecido como máximo, reduciranse proporcionalmente as citadas subvencións.
As asociacións, barrios e parroquias que desexen acollerse a estas subvencións deberán presentala correspondente solicitude, de acordo co modelo normalizado que figura como anexo I das respectivas Bases, na secretaría do Concello durante o horario de oficina, de 9,00 a 14,00 horas. A solicitude deberá estar acompañada pola documentación demandada nas Bases.
Para maior información sobre estas subvencións, poden consultar as Bases das mesmas na páxina web do Concello, no taboleiro de anuncios da Casa Consistorial, ou solicitalas nas dependencias municipais.
A concelleira de Facenda tamén falou doutras subvencións nominativas, recollidas no orzamento do ano en curso, que xa están en proceso de concesión.
Mª Xosé Vega referiuse ás subvencións a entidades deportivas que benefician a un total de 30 clubs do Concello e que ascenden a 50.000 euros. Dixo que, ata o de agora, foron 26 os clubs que entregaron a documentación para asinar o convenio mediante o que se farán efectivas as cantidades a percibir. A concelleira comentou que 13 deses 26 clubs presentaron toda a documentación que se lles solicitou e as subvencións respectivas aprobáronse hoxe na Xunta de Goberno.
Para que tódalas subvencións nominativas poidan pagarse falta que 4 clubs presenten a documentación e que os outros 13 solucionen as deficiencias detectadas na documentación que entregaron.
Mª Xosé Vega dixo que estas eran subvencións directas ás entidades deportivas, unha contribución do Concello á que habería que sumar a utilización das instalacións municipais e o diñeiro que algúns clubs recadan en concepto de publicidade nas citadas instalacións.
A concelleira de Facenda tamén salientou que están en proceso de asignación outras subvencións nominativas para entidades recreativas (Casino, Fraternal e Círculo Victoria) por un monto de 2.000 euros cada unha. Así mesmo, indicou que se atopan en tramitación a concesión de 6.000 euros para o Fogar San Xosé, 20.000 euros para Cáritas, 3.000 euros para o Museo de Arte Sacra e 60.000 euros para a UNED.