A primeira fase do porto seco estará rematada en tres meses

Na rolda de prensa posterior ó Cumio do Eixo Atlántico celebrado onte en Monforte, e a preguntas dos xornalistas locais, o conselleiro de Infraestruturas en funcións, Agustín Hernández, anunciou que a primeira fase das obras da plataforma loxística rematará en dous ou tres meses.

 

Agustín Hernández reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia e do Goberno de España co porto seco de Monforte, do que dixo que é “parte importante do mapa e da rede de transportes de Galicia”.

 

O conselleiro en funcións comentou que a primeira fase das obras está executada a un 77 % e que actualmente traballan na xestión dos verquidos e na conexión do saneamento á rede municipal. Hernández recoñeceu, tal e como ven sinalando o alcalde monfortino, a necesidade dunha nova depuradora ou da ampliación da existente, así como a realización de mellloras na rede de saneamento.

 

O conselleiro de Infraestruturas dixo que a primeira fase das obras de urbanización afectaba a 150.000 m2., mentres que o proxecto completo recolle unha superficie de 300.000 m2 e unha inversión de 15 millóns de euros.

 

Agustín Hernández vinculou o inicio da segunda fase das obras á “evolución e expectativas da posta en marcha da primeira fase”, anunciando que será Xestur Lugo quen se encargue de avanzar na promoción e comercialización da plataforma loxística monfortina. O conselleiro comentou que o porto seco de Monforte “suscita interese das empresas polo feito de ser nodo ferroviario europeo de transporte e polas facilidades que lles proporcionará para distribuír e almacenar mercadorías”.

 

O alcalde de Monforte destacou que a plataforma loxística está mellor posicionada que outros proxectos similares que se desenvolven en Galicia, “tanto polo avanzado das obras como polas posibilidades de ampliación”. Severino Rodríguez dixo que Monforte está chamada a ser a porta de entrada e saída das mercadorías en Galicia.