Empresarios e cargos públicos destacan as potencialidades do porto seco de Monforte

Preto dun cento de persoas participaron onte no Parador de Monforte no foro organizado polo Concello, a CEL, e o Eixo Atlántico, baixo o título “Mobilidade, Rede Transeuropea e Loxística”.

 

A intención do foro era analizar, desde diferentes prismas, o futuro da plataforma loxística monfortina, motivo polo que se constituíron dúas mesas de debate, unha integrada por representantes políticos e outra por empresarios da loxística e o transporte.

 

Tódolos participantes coincidiron en sinalar a privilexiada situación xeográfica de Monforte, a súa posición de entrada e saída de mercadorías na comunidade, a súa relativa proximidade a cinco portos internacionais, a oportunidade que a plataforma loxística daría ás empresas para apostar polo ferrocarril, e a inclusión de Monforte na rede básica europea de transporte.

 

Os representantes das diferentes administracións, Xunta, Estado e Unión Europea, consideraron o porto seco de Monforte como prioritario dentro dos seus plans en canto a infraestruturas, pero indicaron que a inversión pública na plataforma debe estar apoiada pola iniciativa empresarial, que debe ser a encargada de dotala de contido.

 

Pola súa banda, os empresarios consideraron que para plantear un uso da plataforma antes hai que saber  cando se vai materializar e cales van ser as súas conexións de cara ó futuro. 

 

Na primeira mesa interviron Miguel Rodríguez Bugarían, director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Manuel Niño González, director general de Ferrocarriles do Ministerio de Fomento e Carlo de Grandis, coordinador das Redes Transeuropeas e Estratexias de inversión da Unión Europea.

 

Todos incidiron en que o porto seco é unha prioridade dentro do mapa de infraestruturas de cada administración e destacaron que as terminais intermodais existentes en Galicia non son competencia para o porto seco de Monforte debido, segundo os casos, á súa nula capacidade de crecemento, á súa extensión ou á orografía do terreo onde se asentan.

 

Ademais, Carlo de Grandis, destacou que no mapa ferroviario da Unión Europea só se potenciará unha plataforma loxística por territorio e que no caso de Galicia esa será a de Monforte.

 

A segunda mesa estivo integrada por empresarios de firmas como Coren, Vasco Gallega de Consignatarios e o presidente do Clúster de Loxística de Galicia. Todos amosaron receptividade coa plataforma e coas súas posibilidades de negocio, pero tamén deixaron claro que antes de plantearse operar nela hai que resolver a súa infraestrutura básica e a conexión coa estrada Nacional 120, reclamando que as administracións “poñan a alfombra para que interveña o sector privado”.

 

Nos documentos adxuntos a esta información poden escoitar as opinións e valoracións dalgúns dos participantes nestas dúas mesas.

 

Archivos Adjuntos: