A experiencia de “Mercados de Monforte” foi seleccionada para abrir o Fórum 2014 de Zaragoza sobre novas tendencias comerciais

O concello de Zaragoza deseñou un encontro entre os actores das primeiras experiencias dunha nova forma de entender a actividade comercial. O obxectivo é  recoller ideas para a transformación da zaragozana Estación del Norte nunha nova área comercial.

 

O concello de Zaragoza non quere recorrer ós xa vellos modelos de centros comerciais, motivo polo que seleccionou as experiencias que, a entender dos expertos que organizan o Fórum, representan hoxe en España as propostas máis innovadoras e  que poden orientar os usos e o modelo de actividade comercial deste novo espazo. 

 

O Fórum pretende tamén servir de embrión para a creación dun grupo de traballo  onde empresas e institucións interesadas no novo concepto comercial constrúan un espazo común de coñecemento. A cidade aspira por tanto a liderar este grupo coa participación das empresas de todo o Estado que puxeron en marcha experiencias novidosas.

 

En concreto son 10 as empresas seleccionadas, a maioría de grandes cidades como Madrid, Barcelona ou Valencia. Igualada e Monforte son a excepción, ambas foron seleccionadas para ilustrar a experiencia que en Monforte se coñece como  “Mercados Temáticos” e a que o Fórum denomina “Mercados Pop up” ou “Tendas efímeras”.

 

Igualada presentará o Mercat del Pla de Lleida, unha experiencia que comezará a andar o  próximo 1 de abril, cando  un dos edificios máis emblemáticos do modernismo na cidade abra as súas portas para acoller do  1 ó 15 de cada mes 'Mercados de Moda Radical'.

 

Pola súa parte Monforte, estará representado por Rural Consulting, a empresa que deseñou o concepto de “Mercados Temáticos” e a encargada da organización dos mesmos desde o seu inicio en 2012.

 

Esta proposta  espertou o interese dos organizadores precisamente por combinar a actividade diaria da Praza de Abastos coa celebración de mercados que cambian de temática cada mes.

 

Na actualidade as Prazas de Abastos de toda España están buscando novas vías para garantir a súa permanencia e, a xuizo dos organizadores, só as que encontren alternativas para espertar o interese de sectores de público máis amplos, poderán subsistir. Isto pasa, non só por renovar edificios, senón tamén por ampliar horarios e ofrecer novos produtos, en especial aqueles que non podemos encontrar nos supermercados. Precisamente por tratarse de produtos que non sempre consumimos a diario, a proposta de Monforte de facelo de maneira rotatoria, pareceulles especialmente interesante e con ela abrirase a xornada de traballo.

 

O Fórum conta co apoio da Dirección General de Comercio del Gobierno de Aragón e a el asistirán como relatores exclusivamente  empresas encargadas da organización de mercados innovadores. Ó Fórum só poderán asistir como ointes e por invitación do propio concello de Zaragoza, empresarios, institucións e representantes de colectivos de comerciantes e produtores de Aragón.

 

 

 

  

Archivos Adjuntos: