O presidente da Xunta anunciou hoxe que o Diario Oficial de Galicia publicará a vindeira semana o concurso de venda das parcelas do Porto Seco de Monforte de Lemos, que se ofertarán a un prezo un 15% inferior ó inicialmente previsto. Así, indicou que as parcelas sairán á venda a un prezo medio arredor dos 60 euros/m².
Alberto Nuñez Feijóo, quen presidiu esta mañá o acto de posta en servizo do Porto Seco de Monforte de Lemos, salientou que o Porto Seco constitúe tamén unha peza clave no aproveitamento das oportunidades de Galicia como plataforma loxística do multimodal do suroeste europeo. Así, sinalou que a súa situación estratéxica, a dúas horas dos principais portos de interese galego e a menos dunha hora e tres cuartos dos aeroportos da comunidade, fan esta infraestrutura decisiva e fundamental para o futuro desenvolvemento empresarial e loxístico da nosa comunidade.
O presidente explicou que a Xunta está inmersa no impulso de diferentes actuacións que poidan lograr a maior proxección internacional do Porto Seco. Referiuse ó traballo que se está a desenvolver de xeito coordinado entre o Xestur, o Igape e ADIF, divulgando e promovendo a infraestrutura na estratexia de internacionalización da Xunta, con especial reforzo na captación de investimento directo estranxeiro; estudando a oportunidade de celebrar un Foro loxístico do transporte multimodal en Monforte; pondo en marcha unha campaña de promoción nos canais de distribución de todo tipo de multimodalidade de transporte; ou trazando unha rede de conexións coas Autoridades Portuarias e a Zona Franca de Vigo, tratando de buscar sinerxías para a mobilidade de todo tipo de mercadorías e para o seu transporte.
No seu discurso, Feijóo insistiu en que o Porto Seco de Monforte descobre “novas oportunidades”, pois ábrelles as portas ás empresas galegas para novos proxectos, ó tempo que se configura como un polo de atracción para que investimentos e empresas estranxeiras se instalen en Galicia e xeren emprego e riqueza na nosa comunidade.
O conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas dixo que hoxe era un gran día, unha data que “marca o inicio dunha senda que rematará coa recuperación da identidade ferroviaria de Monforte”.
Agustín Hernández falou do próximo inicio das obras do enlace do Porto Seco coa vella estrada de Quiroga, cun orzamento de 6,2 millóns de euros. O conselleiro salientou que, actualmente, o Porto Seco dispón de 54.000 m2 distribuídos en 13 parcelas que se porán á venda a partir de 35.000 euros.
O responsable de infraestruturas destacou o Porto Seco como nó loxístico clave no desenvolvemento da nosa rede de transportes por ferrocarril, e agradeceu a presenza no acto das Autoridades Portuarias galegas.
Agustín Hernández lembrou que o camiño fora largo e dificultoso pero que con esta infraestrutura “situamos a Galicia no escenario da comunicación intermodal”.
O alcalde de Monforte dixo que este era un día esperado por todos ó que non resultara fácil chegar, engadindo, “pero non vou perder un segundo no que pasou e dedicarei tódalas enerxías ó futuro que nos agarda”.
Severino Rodríguez destacou que este proxecto foi posible “porque toda a cidadanía creu nel e porque moitas persoas se implicaron no mesmo”, facendo mención especial ó anterior alcalde, Nazario Pin, “a primeira persoa que creu neste proxecto e ó que hai qué recoñecer o seu traballo”.
O alcalde dixo que hoxe Monforte tiña dúas cousas que non ten ningunha cidade galega: a única plataforma loxística lista para recibir empresas e moitas posibilidades e alternativas vantaxosas para a instalación de industrias”.
No acto celebrado esta mañá tamén participaron o conselleiro de Economía e Industria, a vicepresidenta da Deputación Provincial, a delegada da Xunta, alcaldes da comarca, membros da Corporación monfortina, directivos de Renfe, e responsables dos portos galegos, entre outras autoridades.