O Goberno Municipal dalle 24 horas de prazo a Julia Rodríguez para que rectifique as súas declaracións

Mª Xosé Vega, tenente de alcalde do concello de Monforte, saíu ó paso das acusacións de Julia Rodríguez, voceira do PP, cualificándoas de “moi graves e indignas” e dándolle 24 h. de prazo para rectificalas.

 

Ante a denuncia feita pola voceira popular de ter pagado con fondos públicos a defensa particular dun ex concelleiro, Vega Buján dixo que era moi grave que unha representante da cidadanía que ocupa un cargo público “traballe sen ética e de maneira indigna, atravesando as liñas vermellas do código ético da política”.

 

A tenente de alcalde dixo que “se o PP considera que nos aproveitamos do cargo público o que ten qué facer é ir ós xulgados”, para engadir “ou rectifica en 24 horas ou os que vamos ós tribunais somos nós”.

 

Mª Xosé Vega manifestou que en Monforte falamos “dunha acusación por prevaricación, tipificada pola lei como un dos casos nos que se pode defender a un cargo político con diñeiro público”, engadindo “o de Santiago é ben diferente”.

 

Vega Buján dixo que o Goberno Municipal non estaba disposto a soportar este tipo de ataques no que queda de mandato, e que se pasado mañá venres os populares non reparan o dano nas mesmas sedes onde se fixo “reservámonos as accións oportunas na fiscalía”.

 

Mª Xosé Vega manifestou que “unha cousa é o PP e a súa militancia e outra a súa voceira”, indicando que “se un representante publico coñece un delito o que debe facer é ir ós xulgados, xa que quen quita e dá razóns é o poder xudicial”.

 

Referíndose a Julia Rodríguez, a tenente de alcalde monfortina indicou que “os demais non somos así e non imos consentir que a política se continúe denigrando”. Mª Xosé Vega falou da utilización desta denuncia por parte do presidente da Xunta no Parlamento Galego “para contrapoñer ó que lles pasou no concello de Santiago”. Sinalou que Monforte é a capital da Ribeira Sacra, non a de Galicia, aínda que “á voceira do PP xa lle gustaría atopar en Monforte un filón como o de Santiago”.

 

Sobre a documentación na que o PP fundamenta a súa denuncia nos medios de comunicación, a tenente de alcalde dixo “Julia Rodríguez ten esa documentación dende o día 30 de decembro e agora, despois de seis meses, fai uso dela a modo de ventilador para tapar o caso de Compostela”.

 

Para a tenente de alcalde, este tipo de actitudes descobre a verdadeira Julia Rodríguez “unha persoa sen escrúpulos e con inusitadas ansias de poder. Esa é a súa verdadeira cara”, afirmou.

 

Tamén sinalou que chama a atención a sucesión dos feitos “o domingo o PP critica na prensa os excesivos gastos do Concello en defensa xurídica, o luns ás nove da mañá Pereira pídelles que rebusquen nas facturas, e o martes o PP traballa ás ordes de Pereira quen xa os felicita ás catro da tarde”.

 

En documento adxunto poden escoitar a rolda de prensa ofrecida pola tenente de alcalde do concello de Monforte.