A Oficina Municipal de Rehabilitación elaborará unha listaxe de profesionais

O Concello informa que a Oficina Municipal de Rehabilitación elaborará unha listaxe de profesionais do sector da rehabilitación de vivendas para poñelo a disposición das persoas interesadas en levar a cabo obras nos seus domicilios.

 

Durante os últimos meses varios/as propietarios/as de inmobles do casco histórico achegáronse á Oficina solicitando contactos de profesionais para levar a cabo obras de rehabilitación. Coa finalidade de atender esa demanda e de dar a coñecer ós profesionais do sector da rehabilitación de forma obxectiva, elaborarase esta listaxe ou rexistro.

 

Con esta listaxe tamén se pretende potenciar e facer máis visibles ás empresas e profesionais do sector da rehabilitación en Monforte, así como a aqueloutros que tiveran participado na execución dalgunha obra de rehabilitación dentro do conxunto histórico da cidade.

 

Dende a Oficina de Rehabilitación xestionarase esta listaxe e porase a disposición de calquera persoa que a demande.

 

Para que os/as diferentes profesionais figuren neste rexistro deben cumprir as seguintes condicións:

 

  • Ser profesionais do campo da rehabilitación con domicilio social en Monforte, ou ter realizado algunha obra dentro do casco histórico desta cidade.

 

  • Todas as persoas inscritas autorizarán á Oficina de Rehabilitación a facer públicos e facilitar os seus datos de contacto a quen o demande.

 

Para inscribirse neste rexistro de profesionais do sector da rehabilitación de vivendas, as persoas interesadas deberán cubrir un sinxelo modelo de solicitude no que farán constar datos profesionais e da súa empresa, así como aqueles referidos ós diferentes contactos (teléfono, dirección, correo electrónico).

 

O modelo de solicitude adxúntase a esta información e tamén estará á súa disposición na Oficina Municipal de Rehabilitación. 

 

Para máis información deben dirixirse á Oficina Municipal de Rehabilitación, “Edificio das Casiñas” Campo da Compañía s/n. Tlf. 982 40 13 14. Correo electrónico: oficinarehabilitacion@concellodemonforte.com