Monforte celebrou hoxe o acto central contra a violencia de xénero

A concellería de Igualdade conmemorou hoxe o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero cun acto que se celebrou ás 12:00 horas na Praza de España, no que se deu lectura a un manifesto e se repartiron lazos brancos simbolizando o rexeitamento á violencia de xénero.

 

Profesorado e alumnado de 5º de primaria dos colexios de Monforte participaron no acto coa Mostra de Murais contra a violencia de xénero, murais elaborados no Obradoiro que se levou a cabo ó longo do mes de novembro; os citados murais quedarán expostos durante toda a semana na Casa da Cultura.  

 

Posteriormente, Mónica Álvarez San Primitivo, Presidenta de ACADAR (Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia) inaugurou a exposición fotográfica Descubre a nosa realidade!. Nestes actos participaron o alcalde, Severino Rodríguez , e a concelleira de Igualdade Ana Mª Casal.

 

A mostra fotográfica cedida por ACADAR está percorrendo desde o mes de setembro as catro provincias galegas, e poderá visitarse na Praza de España de Monforte ata o vindeiro sábado día 29 de novembro.

 

A exposición está composta por material fotográfico inédito en Galicia, con autoría de Anxo Resua Calo (Boiro, 1987) e Martín Pérez Fernández (Teo, 1971). O texto que acompaña as imaxes son autoría de Hadriana Ordoñez Otero (Rianxo, 1985).

 

Descubre a nosa realidade! Reflicte, a través dunha serie de fotografías, situacións específicas de violencia exercida contra mulleres con discapacidade e que en moitas ocasións permanecen invisibilizadas para a sociedade.

 

Por último, hoxe ás 20.00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura terá lugar a Charla – Coloquio “Enred@ndo”, impartida pola psicóloga Paula Sánchez e o experto en marketing e comunity manager Pablo Gómez. A través dunha experiencia dinámica, audiovisual e interactiva reflexionarase sobre as redes sociais e as novas formas de relación entre mozos e mozas nun espazo virtual, onde se presentan novas manifestacións de amor e amizade nas que poden xurdir actitudes de violencia de xénero.

 

Alumnado dos centros educativos e persoas  da cidade participaron nestes actos como mostra de repulsa á violencia machista e de solidariedade coas vítimas. 

Archivos Adjuntos: